Madrid | A Casa de Galicia en Madrid ofreceu esta tarde o concerto de jazz “Sons da terra”, o último traballo do Dúo Baldo Martínez (contrabaixo) e Carlo Actis Dato (clarinete baixo e saxo barítono), un dos máis interesantes do jazz europeo actual, que se inspirou en músicas tan dispares como a folclórica galega e italiana, lugares de procedencia do dúo, e tamén doutros países mediterráneos e cubana, xunto coa contemporánea, para incorporalas á súa linguaxe libre do jazz.
Este novo disco, editado no selo Emercy de Universal Music, sucede a “Folclore Imaxinario”, o seu gran debut, que tivo moi boa acollida por todos os medios especializados, como Jazzmagazine en Francia, Downbeat en USA ou Cadernos de Jazz en España.
O dúo mostrou o seu traballo en diversos festivais da escena do Jazz europeo, en países como Italia, Francia, Portugal, Romanía e Alemaña, ademais de España. No concerto ofrecido na Casa de Galicia soaron os temas Recordando (Baldo Martínez), Atlántida (Baldo Martínez), Ceuta (Carlo Actis Dato), Ibo (Carlo Actis Dato), Cabo Prioriño (Baldo Martínez), Tempo perdido (Baldo Martínez), Andaluz (Carlo Actis Dato) e No visa (Carlo Actis Dato).
Os músicos foron presentados polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen resaltou que nas súas biografías profesionais “podemos encontrar colaboracións co saxofonista norteamericano David Murray, coa cantante portuguesa Maria Joâo, con Kenny Wheeler, Joachim Kuhn, A. Braxton, ou Cecil Taylor, ademais dos proxectos individuais de cada un deles”.
Respecto ao contrabaixista galego Baldo Martínez, resaltou que “é un dos músicos máis representativos do jazz contemporáneo feito en España, afastado das correntes do jazz americano e moi na liña do jazz europeo actual”, así como que alterna a súa actividade musical entre o jazz e a música libre improvisada.
En canto a Carlo Actis Dato, remarcou que “é un dos músicos máis destacados dentro do novo jazz europeo e que levou a súa música por todas as partes como pode verse nas súas colaboracións con diversos grupos e destacados músicos do jazz actual”. Subliñou así mesmo que “a revista Down Beat, no ano 2000, xa chegara a considerarlle como un dos cinco mellores saxos barítonos do mundo”.
Por outra parte, leu unha valoración Carlos Pérez Cruz, director do programa radiofónico Club de Jazz e colaborador da revista Cadernos de Jazz sobre o novo traballo do Dúo, segundo a cal o disco “confirma o que xa anunciaron con ´Folclore imaxinario´, de 2005, editado por Leo Records. E é que pode que o chamen vangarda, pero esta música ule a terra húmida, a noite dos tempos. A folclore (imaxinario, claro). Non hai na terra do título vocación planetaria, se acaso é global a partir dun localismo que, como o seu folclore, é pura fantasía”.
SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA XUNTA DE GALICIA EN MADRID,
CASA DE GALICIA