Ourense | Xosé Manuel Merelles Remy, director de Turismo de Galicia, e Gabriel Alén, delegado da Xunta en Ourense, participaron na presentación do proxecto de execución da rehabilitación da Casa do Legoeiro, situada na Ponte Romana de Ourense, que albergará a oficina de turismo e un espazo de exposicións. Conta cun investimento por parte de Turismo de Galicia de 287.936 euros.
A Casa do Legoeiro xa albergou anteriormente a oficina de turismo, e agora coa rehabilitación contará tamén cun espazo habilitado para exposicións na súa planta intermedia, sumando un valor cultural e artístico. Está previsto que a rehabilitación de comezo en breve e as obras estean rematadas nos primeiros meses de 2024.
“A apertura ou remodelación de infraestruturas turísticas sempre é unha boa nova, non só polo pulo que aporta á propia obra para resultar máis atractiva para os visitantes senón tamén porque a propia cidade como hoxe é o caso de Ourense vese beneficiada con esta reforma” indicou Xosé Merelles.
O proxecto engloba a rehabilitación interior e exterior do edifico. Vanse a levar traballos de reforma da cuberta, a restauración da fachada e carpinterías exteriores, así como recuperación de pavimentos e colocación de recuperadores de aire para mellorar as súa calidade.