Tui | A Comisión Organizadora do VIII centenario da consagración da Catedral de Tui reuniuse esta mañá na casa do concello de Tui para seguir avanzando no programa conmemorativo deste destacado aniversario.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, presidiu a reunión na que participaron o deán da Catedral, José Diéguez Dieppa, as concelleiras de Cultura, Sonsoles Vicente, e de Turismo, Ana Núñez, xunto á delegada territorial da Consellería de Cultura da Xunta, María Isabel Couselo Torres, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, o vicepresidente Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte, Jorge Sobrado, o deputado provincial, Roberto Carrero, a representante da Cámara de Comercio, Mónica Crisóstomo o representante da AECT Galicia – Norte de Portugal, Nuno Almeida e a representante da Zona Franca de Vigo, Laura Rivas.
No encontro os membros da Comisión amosaron o seu apoio á declaración deste evento como Acontecemento de Excepcional Interese Público, o que podería fomentar a participación do sector privado nesta conmemoración grazas a incentivos fiscais. Agora será o pleno da corporación quen teña que aprobar, no pleno do mes marzo, a solicitude desta declaración ante o Ministerio de Hacienda.
Na reunión desta mañá informouse aos membros da Comisión das xestións realizadas dende a anterior reunión ante distintos organismos e institucións para continuar avanzando no programa conmemorativo a celebrar entre 30 novembro deste ano e o 1 de decembro de 2026, tanto dende o punto de vista do financiamento, da planificación de actividades, da difusión, da promoción e da organización.