As Neves | En Taboexa, concello das Neves, as comuneiras e comuneiros decidiron facerlle fronte a expansión incontrolada dos eucaliptos con xornadas de deseucaliptización e tamén retirando os poucos pes que existían na comunidade e estaban aínda verdes, sen queimar.
O día 15 do mes pasado unhas decenas de persoas conseguiron deixar libre de eucaliptos case 14 hectáreas de monte comunal, zonas escollidas moi próximas a lindes cos terreos particulares e zonas con especial interese como a dos petróglifos da Coutada. O vindeiro sábado 27 de outubro dende as 9 da mañá e ata mediodía continuarán co proceso para eliminar a proliferación de eucaliptos no Castro de Altamira, o Mouro, as Pozas do Monte e si poden aínda máis lugares priorizando sempre os terreos máis próximos a poboación e a elementos a conservar como os arqueolóxicos ou os nacentes de auga.
Oscar González, Presidente da Comunidade de Montes de Taboexa, explica que esta comunidade nunca foi produtora desta especie pero agora dende o lume de 2017 aínda menos. A experiencia nos di que, a pesar de que aquel foi un día de moito vento, quen trouxo o lume de Portugal, se so houbera o vento e non participara o eucalipto no incendio seríamos capaces de paralo. En segundos ou minutos o lume prendía a 500 metros de distancia grazas a foumas ou faíscas desta árbore. A favor da especie so podo dicir que é boa, para o mel. Economicamente hai outras especies e usos do monte máis rendibles como o castiñeiro, e logo desertiza a terra, cambia as propiedades das augas, as raíces rompen e atrancan tubos, etc. O explicaba na primeira xornada, non so queremos limpar o noso monte comunal, tentamos concienciar as demais persoas particulares ou colectivas de que para non sufrir lumes como aqueles ou peores o xeito é coidando, valorando, querendo o noso monte, non abandonando.