A concelleira de Economía e Facenda, Persoal e primeira tenente de alcalde, Belén Villar González, asegurou hoxe que “o Concello cumpre escrupulosamente coa Lei en materia de protección dos datos persoais dos seus traballadores”. Deste xeito, a responsable de Persoal contestaba á CIG que acusaba ao concello de poñer en mans dunha empresa externa, datos confidenciais dos seus traballadores.
Belén Villar volveu a incidir en que a empresa externa á que alude o sindicato nacionalista, realiza “única e exclusivamente asesoramento en consultas puntuais en materia fiscal e tributaria”. Os constantes cambios que se producen nestas materias, asegura Belén Villar “obrigarían a ter unha persoa realizando constantes cursos de reciclaxe nesas materias” esta dispoñibilidade dunha persoa que debería contar, de partida, con coñecementos en materia fiscal e tributaria, “suporía para as arcas municipais un desembolso maior que o que supón contar con este asesoramento externo cunhas facturas que non superan os 1.800 euros anuais”.
A Concelleira recomendou á CIG que centre os seus esforzos “en axudar a concienciar aos traballadores municipais (moitos deles afiliados ao sindicato nacionalista) a rendibilizar o seu traballo e a diminuír as baixas laborais que lle supoñen ao concello máis de 500.000 euros anuais”.
Finalmente, Belén Villar, non considera que a CIG sexa quen para darlle consellos sobre como realizar o seu traballo e como desenvolver una política eficaz de aforro xa que, afirmou “esta concelleira ten ben claro cal é a liña a seguir para para sanear as arcas municipais e optimizar o funcionamento do Concello”.