Ponteareas/PP | O Goberno non deixa nunca de sorprendernos, afirma Salvador González Solla, portavoz do PP, con respecto ás últimas declaracións que aparecen nos medios de comunicación en relación ó funcionamento da Policía Local, que parece que agora resolven dándolles unhas “máquinas” ou PDA´s, cando o problema de fondo déixano sen resolver.
Na Policía Local este Goberno ten un importante problema de persoal efectivo dedicado ó servizo, porque xa era “xusto” o número de axentes que había nos últimos anos e que se agravou nos últimos meses con xubilacións, e se a isto lle engadimos que hai de baixa 4 ou 5 nestes momentos, e que algúns están buscando marcharse para outros concellos, o resultado é un servizo de Policía totalmente insuficiente.
Coas actuacións que leva feito a concelleira, Vanesa Fernández, neste servizo, queda claro que ou ben seguen descoñecendo os verdadeiros problemas que presenta o servizo ou ben non son capaces de afrontalos.
Primeiro, prometeron melloras salariais ós Policías que non cumpriron, logo centraron os seus esforzos en crear unha praza de Inspector de Policía, que non era necesaria, e menos cando non existen Axentes suficientes nin Oficiais, praza coa que pretendían gastar preto de 50.000€, e para o cal amortizaron outras prazas de policías en vez de cubrilas, e meses despois nin existe o Inspector de Policía nin existen as melloras salariais para os Policías existentes.
Teñen pendente aprobar un Regulamento de 2ª actividade, que é obrigatorio, e que o Goberno do PP xa lles deixou elaborado, negociado cos sindicatos e informado favorablemente, pero que non aproban porque “non lles interesa”.
E agora, anuncian uns dispositivos electrónicos PDA, que terán os axentes e que parece ser que o único beneficio que reportan é que suprimirán casi por completo o papel na actividade, porque do resto, nada; ademais é falso que estean conectadas á bases de datos, tampouco teñen conexión con Tráfico, e non teñen conexión co Padrón; en definitiva, non valen para consultar nada nin facer ningún trámite administrativo, sería como ter un teléfono móbil pero máis grande, polo tanto, non entendemos de qué se sinte tan orgullosa a señora concelleira, Vanesa Fernández.