Ponteareas | O alcalde de Ponteareas e concelleiro de Medio Ambiente, Salvador González Solla, lamentou hoxe os actos vandálicos producidos na mañanciña de hoxe luns, nos que, persoa ou persoas descoñecidas queimaron dous colectores de 2.500 litros de capacidade cadanseu e unha papeleira de 50 litros, situados na confluencia das rúas Reveriano Soutullo e Constitución.
As lapas tamén afectaron a unha sinal de tráfico e á parte traseira do panel luminoso situado nas inmediacións aínda que este segue en funcionamento.
Salvador González Solla, sinalaba que este pasado xoves, vivíase unha situación similar cando outro colector era totalmente destruído polas lapas na rúa Fermín Bouza Brey, afectando ás mesmas ao colector de vidro situado a carón do destruído.
O rexedor municipal que cualificaba estas actuacións como de “intolerables” sinalaba que, dende comezo de ano, a reposición de colectores queimados ou destruídos por actos vandálicos “ascende a máis de 9.700 euros, amais dos prexuízos que produce aos veciños e veciñas e do perigo que supón ao terse producido, moitos dos incendios, preto de vehículos estacionados”.
Salvador González Solla explicou que amais das medidas que se adopten por parte do Concello de Ponteareas para identificar aos autores dos feitos, “a colaboración cidadá e fundamental para erradicar, de xeito definitivo, este tipo de actitudes vandálicas da nosa sociedade”.