Esta instalación, que se prevé entre en funcionamento a principios do vindeiro ano, beneficiará directamente aos preto de 15.000 habitantes de Mos e a súa área de influencia.
Mos | A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación da construción dun punto limpo no Concello de Mos. Para esta actuación, o Executivo autonómico achegará case 267.000 euros, o 100% do total do investimento, co fin de executar estas obras de carácter ambiental e que suporán unha importante mellora na xestión de servizos desta área da Delegación Territorial de Vigo. O adxudicatario terá un prazo de 5 meses para executar os traballos.
Esta mañá, a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, mantivo un encontro coa alcaldesa do municipio, Nidia Arévalo, no que tamén estiveron presentes José Luis Díez e Julia Loureiro, xefe territorial da CMATI en Pontevedra e concelleira de Medio Ambiente, respectivamente, para trasladarlle a nova ás representantes municipais, e explicou que o novo punto limpo se construirá nunha parcela cunha superficie aproximada de 2.130 metros cadrados ubicada no Polígono Industrial de Mos.
Así, esta nova infraestrutura permitirá o depósito e a clasificación daqueles residuos urbanos que requiren dunha xestión específica polo seu tamaño, natureza ou perigosidade co fin de que se separen os residuos xerados nos fogares que representan un risco para o Medio Ambiente ou a saúde, e que non encaixan dentro dos tipos de residuos que se xeran maioritariamente nos fogares e para os que non existen colectores específicos na rúa. Os puntos limpos tratan de evitar así a vertedura incontrolada de entullos e residuos voluminosos coma mobles ou electrodomésticos e facilitar a recuperación dos recursos contidos nos residuos para a súa reciclaxe.
Con todo, e coma recalcou Bravo Bosch, esta instalación beneficiará directamente aos preto de 15.000 habitantes de Mos e a súa área de influencia. Nesta instalación depositaranse aqueles materiais que, polas súas características, non se poden tirar nos colectores da rúa, tales como medicamentos, aceite doméstico e industrial, filtros de aceite, pilas, fluorescentes, baterías, disolventes, tóner e tintas, radiografías, material fotográfico, colchóns e electrodomésticos, metais ou ferralla electrónica, entre outros. Tamén se potencian outras accións como a recuperación e reciclaxe; evitar a vertedura incontrolada de entullos e obxectos voluminosos; e lograr almacenar, en condicións de seguridade e saúde, os residuos perigosos co fin de protexer o ambiente.
O departamento que dirixe Agustín Hernández, mediante este tipo de obras, destina recursos para levar a cabo distintas obras que teñen como obxectivo principal a mellora da calidade de vida dos cidadáns galegos e, ao mesmo tempo, protexan o medio ambiente.
Con esta iniciativa, se estende e reforza a rede de puntos limpos municipais financiados pola Xunta que, con este, pasa a contar con 125 destas infraestruturas. O actual Executivo autonómico xa leva investido neste tipo de puntos de xestión de residuos máis de 4,2 millóns de euros.
Algúns dos municipios da provincia que dispoñen destes puntos son, entre outros, Mondariz Balneario, Vilagarcía, O Rosal, Cambados, Arbo, O Grove, Forcarei, Lalín ou A Estrada e próximamente Nigrán engadindo así o de Mos.
A Xunta de Galicia mantén unha aposta clara e definitiva por unha adecuada valorización dos residuos sólidos urbanos (RSU) e traballa co fin de implicar neste propósito os concellos galegos. Esta progresiva incorporación dos concellos galegos a un adecuado tratamento dos seus residuos permitiu acometer accións como estas, que logran unha restauración dos espazos ocupados polos antigos vertedoiros.