A Coruña | A Corporación aprobou hoxe de maneira definitiva a inclusión de dez novos edificios no catálogo de elementos protexidos do Plan Xeral de Ordenación Municipal, o que garante a conservación e posta en valor do patrimonio da cidade. Entre eles destaca o inmoble Citroën, que agora xa non poderá ser derrubado.
O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, explicou que a finalidade é protexer os edificios de incuestionable valor e xustificada calidade arquitectónica. Ademais do mencionado edificio Citroën, catalóganse un total de 6 elementos de arquitectura da segunda metade do século XX, 2 conxuntos de vivendas sociais dos anos 40-50, o edificio de Fernández Latorre 43 catalogado polo Camiño Inglés e as vivendas pareadas na rúa Padre Sarmiento.
O goberno destacou que non renuncia tampouco a catalogación de outros edificios que non se inclúen nesta aprobación como o Club do Mar de San Amaro e a Lonxa do Gran Sol. No caso da lonxa, o concelleiro confirmou que a súa intención e que teña un nivel de catalogación que sirva para compatibilizar os seus usos portuarios.
Villoslada anunciou que se está a negociar un segundo paquete de edificios a protexer cos grupos municipais na comisión de Urbanismo e levarase a aprobación en canto se poida pechar.
“Estamos a traballar, dixo, nunha separata número dous que incluiría dez elementos arqueolóxicos, tres etnolóxicos, e 23 elementos de carácter arquitectónico. Pretendemos pechar con todos os grupos un borrador antes de que finalice a ano”, dixo, e engadiu que o goberno local comezará a traballar tamén nunha separata específica sobre o Camiño Inglés, que merece un tratamento diferenciado.
Doutra banda, a Corporación tamén aprobou, coa abstención do PP, unha modificación puntual do PXOM 2013 para apertura dunha nova vía entre as rúas Simón Bolívar e Alfonso Rodríguez Castelao, o coñecido como “camiño do cura” no barrio dos Rosales.
Neste sentido, o edil de Urbanismo destacou “que se lle dá resposta a unha débeda histórica da cidade cos Rosales e desbloquea por fin unha actuación que levaba varios mandatos sen resolverse”.
O edil destacou que a actuación supoñe unha mellora substancial na conformación desta vía que é utilizada por moitas veciñas e veciños. E lembrou que o proxecto conta con todas as autorizacións necesarias despois de facer as correccións necesarias no documento.