A Coruña | Crear vínculos entre a actividade científica e a sociedade en xeral é o obxectivo principal das xornadas ‘A luz da ciencia’, un programa de divulgación que a área de Patrimonio, dirixida polo deputado Xose Lois Penas, puxo en marcha no 2021 e que continúa con novas citas neste 2022.
A primeira destas citas ten como tema principal ‘O pensamento científico e o xénero’ e terá lugar entre o xoves e o sábado desta semana -13, 14 e 15 de xaneiro- no Pazo de Mariñán e no Muncyt da Coruña. As sesións tamén serán retransmitidas en streaming a través da canle de YouTube da Deputación.
“Sempre dicimos que a perspectiva de xénero debe ser transversal a toda a acción política da Deputación e en consecuencia estamos realizando un traballo constante para facelo realidade, ben sexa directamente desde a área de Igualdade, ben desde outras áreas e a través de factores moi diversos, como a introdución de criterios de xénero nas convocatorias públicas ou creando foros de debate e reflexión como este” asegura Xosé Lois Penas.
O deputado fai fincapé en que á hora de deseñar as xornadas se tiveron en conta “mulleres profesionais que están en activo e que neste momento son referentes en si mesmas no traballo científico, cada unha delas nun ámbito diferente”. Neste sentido, fai mención especial aos proxectos de divulgación científica que protagonizarán a terceira das sesións e salienta “o papel fundamental que teñen na construción social de referentes femininos no ámbito das disciplinas científicas, onde tan só o 30% de investigadores e científicos son mulleres”.
Así, na sesión dedicada a divulgación científica participarán Paula Otero, que ademais de ser ela mesma investigadora predoutoral na USC, puxo en marcha o portal ‘Ciencia e tal’ e unha iniciativa na plataforma Twitch que realiza xunto co seu compañeiro Iván Varela; e ‘CiMUS Podcast’, un programa de entrevistas a investigadores do centro no que, cando é posible, tamén colaboran asociacións de pacientes.
Na mesma sesión, tamén participará a xornalista científica, Maite Vence, fundadora e directora de OBSERVER® ScienceTourism, a primeira certificación en Turismo Científico a nivel internacional baseada na promoción, xestión e planificación de destinos turísticos vinculados á ciencia.
‘Pensamento científico e xénero’ tamén contará contará coa participación de Mireia Colom e Susaina figuera da Fundació catalana per a la recerca i la innovació; e María de la Fuente Freire, Elena Lendoiro Belío, Vanessa Valdiglesias García, e Zulema Varela Río, todas elas investigadoras de Investigal, a Rede Galega de Investigadoras.
A asistencia presencial ás xornadas é de balde, mais será preciso realizar inscrición previa a través do formulario: https://www.dacoruna.gal/iv-xornadas-luz-da-ciencia
Programa e relatoras
Xoves 13 de xaneiro. Pazo de Mariñán. 18:00 horas
“Didáctica das ciencias experimentais”
Contidos: Análise da didáctica das ciencias experimentais e a segregación nas formacións científicas. Educación CTIM ( Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas). Tratamento da perspectiva de xénero e a ciencia nas aulas. Reflexión sobre a necesidade de fomentar a vocación científica e a importancia da visibilización das mulleres na ciencia e a procura de referentes.
Relatoras: Mireia Colom e Susaina figuera (Fundació catalana per a la recerca i la innovació)
Venres 14 de xaneiro. Pazo de Mariñán. 18:00 horas
“Ciencia, investigación e xénero”
Contidos: Revisión lexislativa. A Lei Ángeles Alvariño. Análise da perspectiva de xénero na ciencia e na investigación científica. Visualización das realidades laborais, teito de cristal, fendas, etc. Efecto Matilda e campaña #NOMOREMATILDA. O papel dos medidos de comunicación.
Relatoras da Rede galega de investigadoras : María de la Fuente Freire, científica galega especialista en nanotecnoloxía; Elena Lendoiro Belío,investigadora posdoutoral; Vanessa Valdiglesias García, bióloga, recoñecida como Mellor Investigadora Xove de Europa pola Sociedade Europea de Xenómica e Mutaxénese Ambiental; Zulema Varela Río, bióloga, máster en enxeñería ambiental, tese de doutoramento en ecotoxicoloxía
Sábado 15 de xaneiro. Muncyt. 11:30 horas
“Divulgación, comunicación científica e xénero”
Contidos: a fenda de xénero na divulgación científica e nas persoas consumidoras de ciencia. Hai fenda de xénero entre as consumidoras e consumidores deste tipo de contidos? Medidas que contribúan a rachar esta situación de desigualdade.
Relatoras: Maite Vence de OBSERVER, Isa Loureiro, ilustradora e Paula Otero Sánchez, científica do grupo de investigación xenomas e enfermidade e como divulgadora, autora do espazo “ciencia e tal”
Ligazón para consulta de currículos das relatoras: https://www.dacoruna.gal/patrimonio/aulas-cientificas-2021/iv-xornadas-luz-da-ciencia/cv