A Coruña | A alcaldesa, Inés Rey, destacou hoxe en Lisboa a oferta turístico-cultural da Coruña, que tomará o testigo da capital lusa para a celebración, o vindeiro ano 2023, do Womex, a maior feira musical a escala internacional.
Desde o pasado mércores, e a través dun stand propio do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, o Concello promociona a oferta musical, turística, cultural e gastronómica da cidade, amosando a aposta do Goberno municipal por posicionar á Coruña como a urbe de referencia no noroeste da Península para acoller e promover eventos de toda índole a escala internacional, desde culturais ata turísticos, sociais, empresariais ou profesionais, dentro do plan establecido pola alcaldesa, Inés Rey.
En Lisboa, Inés Rey, destacou que “A Coruña ten todos os vimbios para albergar grandes eventos que repercutan no noso prestixio, reputación, visibilidade e que se traduzan en xeración de riqueza, emprego e atracción de investimento”, e detallou os motivos que levaron a que A Coruña sexa sede do Womex 2023 fronte a aspirantes moi competitivos de toda Europa: “Temos as infraestruturas e os equipamentos culturais necesarios, pero tamén unha personalidade e dimensión cosmopolita como cidade, cómoda e amable”, explicou.
Con vistas ao ano que vén, a rexedora apuntou ao impacto positivo que terá o Womex 2023 na Coruña, sumándose a cidades como Berlín, Estocolmo, Copenhague ou Budapest para integrar a ilustre nómina de sedes da feira de World Music máis importante do mundo, como recoñece a Unesco.
“O Womex é un encontro con alma, cunha identidade propia e unha potente enerxía creativa, igual que a nosa cidade, onde o apoio á industria cultural é prioridade absoluta”, indicou Rey. Neste sentido, e durante os últimos cinco días, as persoas que se interesaron pola oferta turístico-cultural da Coruña puideron coñecer polo miúdo as grandes citas musicais promovidas ao longo deste ano na cidade, que congregaron a medio millón de espectadores.
É o caso do Festival Noroeste Estrella Galicia, o Morriña Fest, o Atlantic Pride e o ciclo de concertos das Noites de María Pita, programado co gallo das festas estivais da cidade. Así, durante o verán, A Coruña contou coas actuacións de artistas e agrupacións da talla de The Black Eyed Peas, Maluma, Texas, UB-40, Tanxugueiras, James Blunt e Luis Fonsi, entre moitos outros. Womex é, ademais, a maior conferencia da escena musical global e o mercado profesional máis importante da industria musical.
Entre os días 25 e 29 de outubro do ano 2023, Womex congregará na Coruña a máis de 3.000 congresistas procedentes de 90 países, que abranguen desde programadores, promotores, empresas discográficas e xornalistas nacionais e internacionais ata artistas chegados de todo o mundo.
Cursos gratuítos de formación
O Concello da Coruña iniciará catro novos cursos de formación a vindeira semana. A formación, dirixida a persoas en situación de desemprego, enmárcase na estratexia de formación para o emprego do Goberno de Inés Rey e ten como obxectivo ampliar os coñecementos impartidos en cursos de profesionalización xa realizados así como dotar de ferramentas ás persoas na busca de emprego.
O primeiro dos cursos será o de ‘Folla de cálculo’, mañá luns 24 de outubro. Ten unha duración prevista de 75 horas e unha oferta de 10 prazas. O obxectivo é que as persoas en situación de desemprego poidan certificar os seus coñecementos en ofimática ampliando a súa formación de cara ao posicionamiento en ofertas de emprego. Nesta mesma liña, o Concello organiza un curso de ‘Preparación de entrevista persoal’, cun total de 10 prazas e 15 horas de duración que comezará o 26 de outubro.
Na mesma semana iniciaranse dous cursos máis: un sobre prevención de riscos laborais na construcción, obrigatorio para a realización de traballos en construcción; e outro sobre marca persoal e redes sociais orientado a persoas que queiran crear a súa propia marca persoal tanto nunha empresa como para a búsqueda de emprego por conta allea. A data de inicio é o 25 e 26 de outubro respectivamente, contando con 25 e 10 prazas para cada unha das formacións.
O Concello da Coruña ten previstos dous novos cursos de formación para o vindeiro mes de novembro en materia de construción. A oferta avanza no obxectivo de dar formación a persoas desempregadas en sectores con alta demanda de persoal cualificado, ampliando as súas posibilidades de incorporación no sector laboral.
A formación en ‘Traballos verticais: alicerces e liñas de vida’ oferta un total de 12 prazas. Ten previstas 58 horas formativas en horario de tarde, de 15.30 a 19.30 h, con data de inicio o vindeiro 7 de novembro. Ese mesmo día tamén se iniciará o curso de lectura de planos, que contará cunha oferta de 10 prazas e 100 horas formativas en turno de mañá, de 9.30 a 14.30 h. Para máis información sobre a inscrición e os vindeiros cursos pode consultarse a web de Emprego ou contactar co Centro Municipal de Emprego dos Rosales, no teléfono 981 184 399.