A Coruña | A alcaldesa, Inés Rey, participou esta tarde no acto conmemorativo polo 30 aniversario do Conservatorio de Danza da Coruña no Teatro Colón, en que estiveron presentes tamén o seu director, Luciano Gómez, o ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e mais as/os voceiras/os dos demais grupos provinciais, entre outras personalidades.
Rey afirmou que os 30 anos do conservatorio, que se celebrarán co ciclo A Mar en Danza, en que participarán Julio Bocca, Igor Yebra e Lucía Lacarra, “reforzan o noso empeño por posicionar a danza da Coruña no mapa nacional e internacional”.
“(A alcaldesa Inés) Rey afirmou que os 30 anos do conservatorio, que se celebrarán co ciclo A Mar en Danza, en que participarán Julio Bocca, Igor Yebra e Lucía Lacarra, ‘reforzan o noso empeño por posicionar a danza da Coruña no mapa nacional e internacional”
A rexedora destacou que o alumnado poderá desfrutar así da presenza destas figuras referentes coas que compartirán a súa experiencia en clases maxistrais e recordou que “os nosos artistas teñen que seguir espertando emocións. Necesitamos que nos conten historias co corpo, que nos axiten. Necesitamos sentírmonos vivos, eles e mais nós, e alimentarmos a alma”.
Neste aspecto, lembrou que a cidade conta cun conservatorio que ocupa un lugar preferente nos centros de danza do Estado, grazas a Luciano Gómez, “que creou dun soño unha realidade tan valiosa para A Coruña”. Deste edificio barroco, saíron profesionais que hoxe forman parte dos mellores ballets do mundo como o da Comunidade de Madrid, o Ballet de Carmen Roche ou Ángel Corella, o da Ópera de Múnich, Lisboa, Chicago ou Oklahoma.
Neste sentido, recordou que o Concello leva anos apostando pola danza con ciclos como o TRC Danza, que achega desde hai máis dunha década a creadores locais, nacionais e internacionais nunha posta en común onde non se discrimina ningún estilo e se trata de que todos teñan presenza tanto a nivel de espectáculos, como de experiencias xa que a actividade parte da danza como un proceso en construción.
Deste xeito, recordou que as/os afeccionadas/os son parte activa das montaxes e grazas a estas sesións, “as nosas veciñas e veciños sóltanse, liberan tensións e expresan co corpo”. Ademais, subliñou o proxecto de programación expandida “polo que somos convidados en foros como as xornadas de formación do programa Platea do Ministerio para contarmos a nosa experiencia” e remarcou que as artes escénicas se promoven desde cativas/os con ciclos como Bebescena (Centro Ágora) o Todo Público (Fórum Metropolitano), dous programas pioneiros nos seus respectivos xéneros.
Por todo isto, sentenciou, non é casualidade que hoxe esteamos aquí celebrando os 30 anos dun conservatorio que é máis que un centro onde se imparte danza. “É patrimonio vivo de todas as coruñesas e coruñeses”.