A Coruña | A presidenta da Edar Bens SA, Inés Rey, asinou esta mañá un convenio de colaboración co colectivo de Mulleres Colleiteiras co obxecto de impulsar e promover a súa actividade de recollida, almacenamento e reciclaxe de aceites domésticos co fin de evitar a súa vertedura ás augas residuais. En concreto, a EDAR BENS SA colaborará cunha achega de 15.000 euros para impulsar esta iniciativa que ofrece a mulleres en risco de exclusión a posibilidade de teren un emprego á vez que colaboran na reciclaxe dun residuo moi contaminante.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou o labor social desta iniciativa que logra reintegrar no ámbito laboral a mulleres que se atopan en risco de exclusión e lembrou que a Concellería de Medio Ambiente tamén colabora coa cooperativa na instalación de contedores de aceite.
A cidade conta con 76 contedores e instalaranse máis para que todos os barrios conten cun depósito deste tipo e que ademais formen parte das novas illas de contedores de monomateriais como son o vidro, cartón, roupa ou pilas. Ademais, o Goberno local colabora en campañas de concienciación e no reparto de embudes para meter en botellas de plástico e reciclar así o aceite.
O volume de recollida da cooperativa en 2020 superou os 181.000 quilos de aceite usado, o que supón un incremento de máis do 26% fronte aos 143.000 de 2019. Mulleres Colleiteiras conta con 263 puntos de recollida na Coruña e a súa área metropolitana.
A empresa, que coopera co colectivo desde o ano 2015, considera esencial o traballo que realiza a cooperativa xa que o aceite vexetal de uso doméstico se converte nun residuo perigoso e custoso de eliminar cando se verte de forma incorrecta na rede de sumidoiros.
Así, o seu labor evita que o aceite usado chegue ás augas residuais da cidade facilitando o seu tratamento antes de seren devoltas ao mar, co que se protexe o medio ambiente e se abarata o custo do servizo público de depuración.
En 2019 a cooperativa foi galardoada cun accésit nos premios Xuntas polo clima que convoca Lateuaterra, a primeira plataforma de crowdfunding dedicada a proxectos de mellora do medio ambiente.