A Coruña | Tres novas obras fomentarán a reflexión sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU no CEIP Concepción Arenal tras gañar o IV Certame de murais arredor dos ODS ‘Muros que unen’, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co financiamento do Concello da Coruña.
O certame encádrase no convenio asinado entre o Fondo Galego e o Concello da Coruña, que destina así 20.000 euros á realización de actividades de sensibilización fronte ás desigualdades co fin de fomentar a participación cidadá na construción de cidades inclusivas e o pensamento crítico.
As propostas do colectivo “Paisajistas”, ‘Avión’ e Carmen Seijas resultaron ser as que mellor ilustran os ODS 3, 4 e 5, que promoven a saúde e o benestar, a educación de calidade e a igualdade de xénero. Así o decidiu o xurado, integrado polos artistas Delio Rodríguez, Doa Ocampo e Joaquim Orriols ‘Riaq Miuq’, vencedores da anterior edición do concurso, unha representante do Fondo Galego e outra do Concello.
Ao certame presentáronse 33 muralistas, dos que 14 eran mulleres, e recibíronse un total de 34 bosquexos. As tres obras seleccionadas faranse realidade do 1 ao 5 de setembro no patio infantil do centro educativo, con 25 metros de lonxitude.
A proposta ‘Calma’, do colectivo “Paisajistas”, escolleuse para representar o ODS3: garantir unha vida sa e promover o benestar para todas as persoas de todas as idades. O xurado valorou a súa apacidade para evocar este último aspecto a través dunha representación que transmite esa sensación de sosego tanto a través de trazos sinxelos como da selección de cores, ao tempo que revela un estilo propio e recoñecible.
Miguel Méndez, alias ‘Avión’, vai ilustrar con ‘Uns bos cimentos non teñen prezo’ o ODS4: garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todas as persoas. O bosquexo pivota sobre a idea de que unha sociedade que desexe progresar precisa dunha formación deste tipo, que ademais debe ser a un tempo pragmática e sensible coas diferentes realidades.
‘O círculo’, da betanceira Carmen Seijas, foi o deseño seleccionado para simbolizar o ODS5: lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas. A obra fai referencia aos círculos de mulleres, espazos de encontro seguros e non xerárquicos onde conectar unhas coas outras e con elas mesmas.
O xurado quixo subliñar a complementariedade dos traballos seleccionados, así como o feito de que a súa autoría sexa tanto de artistas homes como mulleres. A través dos tres murais, premiados con 2.000 euros cada un, emprégase a arte urbana para difundir os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados polos Estados membros da ONU a finais de 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade da poboación no horizonte de 2030.