A Coruña | O Concello da Coruña presentou formalmente esta semana a súa candidatura para ser unha das sedes españolas da candidatura das federacións de fútbol de España, Portugal e Ucraína para o próximo Mundial 2030. O Goberno de Inés Rey amosou un ambicioso proxecto de ampliación e mellora do estadio municipal de Riazor, que permitirá, ademais de acoller diferentes partidos desta cita, albergar grandes eventos.
“Deseñamos un proxecto ambicioso, que competirá cos mellores recintos deportivos e coas cidades máis importantes”, asegurou a alcaldesa, Inés Rey. O proxecto de ampliación de Riazor permitirá aumentar a súa capacidade a 45.000 espectadores, o que permitirá cumprir cos requisitos para albergar partidos desta competición.
“A Coruña está preparada para organizar eventos de primeira magnitude. Esa foi sempre a miña aposta e por iso pretendemos formar parte da organización dun dos eventos máis importantes do mundo, un evento que transformará a nosa cidade”, apuntou a rexedora.
O custo da renovación do estadio de Riazor será duns 60 millóns de euros, que achegarán diferentes administracións, e non se descarta a colaboración público-privada para o seu financiamento.
O Concello da Coruña conta co apoio da Xunta de Galicia nesta candidatura. Ademais, manifestáronse tamén a favor de que a cidade sexa mundialista no 2030 outros municipios e cidades da área, como Santiago de Compostela ou Ferrol. “Non é só un proxecto de cidade, senón un proxecto da provincia e de toda Galicia”, sinalou Rey.
A ampliación do estadio de Riazor servirá tamén para que a cidade poida acoller grandes eventos de primeiro nivel mundial, non só de carácter deportivo, senón de outro tipo, como os musicais. Tal e como explicou a alcaldesa, “A Coruña terá capacidade para competir na organización de concertos de artistas e bandas do máis alto nivel internacional”. O Goberno municipal busca maximizar os usos dun recinto emblemático a nivel nacional e unha das imaxes máis icónicas da cidade.
Este proxecto segue a liña marcada por Inés Rey para impulsar A Coruña como a urbe de referencia do noroeste peninsular, capaz de albergar grandes eventos e recibir, deste xeito, un gran retorno económico que repercutirá directa e indirectamente na cidadanía.
Inés Rey, premiada polas asociacións veciñais
A alcaldesa, Inés Rey, foi homenaxeada este sábado en Lugo no contexto da novena edición dos Premios Cogave, que outorga a Confederación Galega de Asociacións Veciñais co obxectivo de poñer en valor a colaboración entre as Administracións públicas, entidades privadas e o tecido asociativo para traballar pola veciñanza.
Nesta novena edición dos premios Cogave, promovida baixo o lema ‘Crer no movemento veciñal’, a rexedora recibiu o galardón de mans de María Luisa Varela Ínsua, presidenta da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana, acompañada de Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña.
Durante a súa intervención, e acompañada pola concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá, Yoya Neira, Inés Rey resaltou “o traballo diario que, desde as Administracións públicas e, moi en concreto, as municipais, se pode levar a cabo co obxectivo de tender pontes coa veciñanza”.
A alcaldesa salientou, ademais, “a importancia das novas tecnoloxías para establecer canles de comunicación directa coa cidadanía”, mais lembrou que “é a capacidade de escoita a pé de rúa o que nos axuda a ter unha perspectiva real dos avances e necesidades nos barrios”. Para isto, continuou, “o tecido asociativo é clave para traballar con vistas a unha mellora na calidade de vida da cidadanía”.
Neste sentido, Inés Rey subliñou os avances experimentados na cidade durante o vixente mandato: “Estamos a impulsar un modelo de cidade máis aberto, accesible e humano, con prioridade para as persoas, a mobilidade sostible e a recuperación progresiva de espazos públicos, como as que estamos a executar a través das peonalizacións, pero tamén coa apertura dos peiraos, onde paso a paso traballamos para abrir o bordo litoral para o gozo das veciñas e veciños”.
No acto de entrega de premios, presidido por Fernando Rois, máximo dirixente da Confederación Galega de Asociacións Veciñais, tamén se homenaxeou ás seguintes persoas e entidades:
Por parte da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana:
Inés Rey García, alcaldesa da Coruña
Fundación Meniños.
Por parte da Federación de Asociacións Veciñais ‘Lucus Augusti’, da provincia de Lugo:
Carlos González Juanatey, xefe de cardioloxía do HULA.
O C.D. Lugo e o seu presidente, Constantino Saqués Pereira.
Por parte da Federación de Asociacións Veciñais ‘Limiar’, da provincia de Ourense:
Comedor Social de Cáritas Diocesana de Ourense.
Asociación Diabética Auria.
Por parte da Federación de Asociacións Veciñais ‘Eduardo Chao’, de Vigo:
Natalia Prieto Viso, directora xeral de Administración Local da Xunta de Galicia.
Horacio Gil Expósito, alcalde de Arbo.
Por parte de la Federación de Asociacións Veciñais ‘Roi Xordo’, de Ferrol:
Rafael Pillado Lista, histórico político e activista ferrolán.
Protección Civil de Ferrol.
Ademais, fíxose entrega dos premios Cogave, a escala galega, a Jesús Vázquez Almuiña, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo; Carlos Varela García, ex-Fiscal Superior de Galicia; e tamén se emitiu un recoñecemento á Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue.