A Coruña | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou hoxe que o Concello nomeará Fillos Adoptivos da cidade, a título postumo, aos policías nacionais Javier López, Rodrigo Maseda e José Antonio Villamor, falecidos nas augas da praia do Orzán hai dez anos ao intentar salvar o estudante eslovaco Tomas Velicky, que tamén perdeu a vida.
Nun emotivo acto de homenaxe levado a cabo na Coraza, onde se atopa o monumento en memoria dos heroes do Orzán, e ante a presenza de familiares dos tres policías falecidos, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a representante dos homenaxeados, Loreto López, acompañadas pola subdelegada do Goberno, María Rivas, e o Xefe Rexional de Operacións da Xefatura Superior da Policía Nacional en Galicia, José María Esteban Corral, depositaron unha coroa de loureiro ante o monumento.
Foi instantes despois da entrega das placas conmemorativas aos familiares dos homenaxeados. Ao acto acudiron, ademais, representantes de cada un dos efectivos que colaboraron nas tarefas de rescate: Policía Nacional, Policía Local, Bombeiros da Coruña, Protección Civil, Base de Mar de Cruz Vermella, Sasemar (Centro de Control de Salvamento Marítimo), a Escola de Mergulladores do Club del Mar e tamén Adrián Doce, civil condecorado pola súa intervención no rescate.
A alcaldesa, Inés Rey, lembrou que a Coraza do Orzán, un dos enclaves máis antigos da cidade, ten, “desde hai unha década, un novo sentido, ao convertelo nunha homenaxe constante a tres dos seus fillos máis admirados: Javier López, Rodrigo Maseda e José Antonio Villamor, policías nacionais e heroes do Orzán”.
“Eles resumen mellor que ninguén o significado dun concepto do que é fácil falar pero non tanto honrar: o servizo público. Os heroes do Orzán dignificárono para sempre. Por iso son un símbolo, doloroso, pero que deixa unha lección inesquecible para todas e todos: a sociedade ten quen a coide”, expresou Inés Rey.
A alcaldesa amosou tamén o seu apoio aos familiares dos falecidos. “Sabedes que sempre contaredes co apoio das nosas institucións e da nosa cidade”, remarcou.
A alcaldesa recordou, ademais, a cooperación conxunta entre corpos policíais e administracións durante aquel mes de xaneiro do ano 2012, “repartindo esforzos e proxectando dignidade”.
“Falo do Corpo Nacional de Policía pero por suposto, tamén, do soporte da Policía Municipal, dos Bombeiros ou deses piares sociais que son Protección Civil ou o Club del Mar, así como a Torre de Control Marítimo. Somos unha cidade ben protexida grazas a persoas excepcionais”, sinalou Inés Rey.