A Coruña | O Concello da Coruña reforzará a súa programación cultural durante o Nadal con 66 actuacións extraordinarias que se repartirán por toda cidade a partir do 10 de decembro, eventos organizados na súa maior parte con artistas locais e que servirán non só para ampliar a programación prevista para eses días, senón tamén para apoiar ao sector da cultura local, un dos máis afectados polas restricións da pandemia.
O pleno municipal aprobou hoxe o modificativo que permitirá levar a cabo dito programa, dotado cun investimento de 257.631 euros. “Cumprimos co compromiso que adquirimos nesta corporación de potenciar a industria cultural desta cidade durante un ano complexo marcado tamén pola pandemia”, indicou no pleno o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior e portavoz do Goberno municipal, José Manuel Lage Tuñas.
O incremento da achega cultural forma parte do acordo unánime que activou o segundo PRESCO, dotado con 6 millóns de euros. O Concello da Coruña leva investidos 20 millóns de euros en plans de recuperación. O PRESCO Cultural “supón un referendo do compromiso que ten o Goberno de Inés Rey co mundo da cultura”, explicou Lage Tuñas, e permitirá este Nadal apoiar aos artistas locais coa organización de concertos, monólogos, espectáculos de maxia e danza.
Máis dun millón de euros en melloras no parque de Bombeiros Por outra banda, o pleno aprobou por unanimidade a proposta de Ordenanza de Contribucións Especiais que permitirá realizar investimentos por valor de 1.171.167 euros nas instalacións do Parque de Bombeiros. Con ditos fondos o Concello construirá unha nova nave para descontaminación e limpeza dentro do recinto do parque, acometerá reformas nas instalacións, substituirá o portal de acceso ao recinto para facilitar a entrada e saída de vehículos de emerxencias, adquirirá equipos de protección individual e material diverso de rescate e, por último, adquirirá tamén un vehículo polivalente de rescate que será o maior dos investimentos previstos, cun valor de 700.000 euros, explicou Lage Tuñas.
Ordenanza de Conservación
Ademais, o Goberno municipal aprobou tamén a nova Ordenanza de Conservación, un texto consensuado coa Marea Atlántica e que contribuirá a poder afrontar con maior axilidade as accións precisas para actuar en casos de ruínas e de deterioro de inmobles.
O Concello, explicou o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, simplifica así os trámites para acelerar os procedementos e tamén aclara os supostos para a execución subsidiaria a cargo do Concello nos casos urxentes nos que non actúan os propietarios.
“Estamos dando un paso máis nas políticas necesarias de rehabilitación e conservación da edificación. Estamos tratando de completar un novo marco normativo”, indicou Villoslada, quen lembrou tamén que o Goberno de Inés Rey ten demostrado o seu compromiso co impulso á rehabilitación de vivenda.
Durante o 2020, especificou, o Concello concedeu 88 licencias de rehabilitación integral de inmobles, unha das cifras máis elevadas da última década. Ademais, o Concello Nota de Prensa tamén vén de aprobar a cifra de 1,3 millóns de euros para axudas á rehabilitación das Vivendas de Franco, Grupo María Pita, Cidade Vella e Pescaría. Por outra banda, Juan Díaz Villoslada presentou tamén o informe de xestión e execución dos proxectos Eidus.
O Concello leva empregados case 9,5 milllóns de euros en diversas actuacións. Ademais, desde o pasado mes de novembro calquera cidadán pode consultar a evolución de cada uno dos proxectos financiados con fondos europeos a través da ferramenta dixital de transparencia PowerBi, habilitada na web municipal. “A Coruña e a súa administración municipal ten unha longa tradición na xestión de fondos europeos. Dentro da boa tradición, temos que seguir mellorando a maquinaria de xestión para ser capaces de captar fondos”, indicou o edil, quen explicou que a experiencia cos Eidus servirá para promover a implantación da Axenda Urbana e para aspirar tanto aos fondos Next Generation como no programa marco EU 21-27 para políticas urbanas sostibles.