A Coruña | O Concello impulsou esta mañá tres asuntos relevantes para a cidade en materia de rehabilitación de vivenda, no fortalecemento do sistema sanitario e na mellora substancial dos procesos de mobilidade da Área Metropolitana.
O Concello reafirmou o compromiso adquirido pola alcaldesa, Inés Rey, na sinatura do convenio coa Xunta de Galicia para construír o novo Chuac. Na sesión plenaria, a Corporación aprobou o cambio de uso da parcela inserida na Área de Planeamento Incorporado API R31 “Parque de Eirís”, para que poida albergar o novo centro de investigación do novo Chuac. Desta maneira, o concello dá os primeiros pasos no planeamento municipal de cara á construción do novo hospital.
Villoslada resaltou a capacidade de diálogo e de chegar a acordos do Goberno local para poder sacar adiante proxectos importantes para fortalecer o futuro da cidade a da Área Metropolitana. “A acción da alcaldesa, do Goberno, e tamén en moitas ocasións do Pleno, consegue desbloquear proxectos moi complexos e fundamentais para o futuro da cidade, como son reforzar o sistema sanitario público e a atención primaria, co convenio para construír un centro de saúde na Falperra, e de seguirmos tramitando e impulsando todas as modificación puntuais do planeamento para levar adiante a construción da Intermodal”.
Canto á construción da nova Estación Intermodal, a Corporación tamén lle deu luz verde de xeito provisional á modificación puntual do PXOM da Coruña no ámbito do polígono POL 029 “A Sardiñeira” para dotar de accesos á nova Estación Intermodal desde a avenida de Arteixo aos buses de transporte público, e mais á realización dunha nova ordenación de volumes da edificación que mellora as condicións urbanísticas deste ámbito.
A nova reordenación de volumes, edificacións e espazos públicos servirá para conectar o barrio dos Mallos coa avenida da Sardiñeira e dotar a zona de novos servizos. Ademais, permite que as edificacións presentes no ámbito poidan integrarse nos novos volumes adoptados. Tamén está previsto reservar o 40% da nova edificación para vivendas de protección oficial.
A intención do Goberno local, dixo, é que o deseño viario garanta a conexión das dúas marxes e posibilite a mobilidade transversal, en especial a peonil, para evitar así a formación de barreiras arquitectónicas. O viario, que comunicará a avenida da Sardiñeira coa avenida de Arteixo, contará con zonas verdes, rotondas e un carril bici.
Confirmou que o convenio marco para construír a Intermodal está pechado, pendente da sinatura unha vez que o Ministerio de Facenda lle dea autorización á ADIF, e que cada administración segue a traballar no seu ámbito. Lembrou, ademais, que o Goberno consignou 50 millóns nos Presupostos Xerais do Estado para a estación de ferrocarril.
No ámbito urbanístico, a Corporación aprobou o estudo de detalle para reaxustar as aliñacións e a ordenación de volumes das parcelas municipais e o inmoble situados no cruzamento da rúa Marqués de Pontejos, 15 coa rúa San Nicolás 26, destinadas á construción de cinco vivendas sociais en réxime de alugueiro.
O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, sinalou que a executiva anterior non incluíu esta documentación imprescindible para obter a licenza de obra, ao non se axustaren os volumes establecidos no PEPRI de 2015 (Plan Especial de Protección e Reforma Interior da Cidade Vella e Pescaría). Deste modo, Urbanismo tivo que modificar a aliñación existente mediante este estudo de detalle para axeitala ao proxecto presentado e isto demorou os prazos para unha reforma, que confirma o compromiso do Goberno de Inés Rey de facilitar o acceso á vivenda. A ordenación dará lugar a un edificio de baixo e mais catro plantas na rúa Marqués de Pontejos e outro de baixo e mais tres plantas e áticos na rúa San Nicolás, cunha edificabilidade de 731 m², unha cantidade inferior á permitida no planeamento.
Villoslada, sinalou que este proxecto ten unha dobre vertente: a promoción de vivenda pública e recuperación e rexeneración urbana dunha zona da cidade moi degradada. Neste sentido, reclamoulle á Xunta o desenvolvemento dunha vez políticas de vivenda “xa que os concellos sos non podemos levar a cabo políticas de vivenda”. O edil mostrou a súa satisfacción polo anuncio do Goberno autonómico dun plan social de vivenda e confía en que a Xunta “se poña as pilas en materia de política de protección oficial porque Galicia está na cola das comunidades autónomas na promoción de vivenda oficial”.
“Estamos traballando para mobilizar 900 vivendas de protección oficial na cidade en réxime de edificación e en réxime de rehabilitación, con novas convocatorias de axudas para a rehabilitación e dándolles prioridade á eficiencia enerxética e ás melloras na accesibilidade”, dixo.