A Coruña | Para conmemorar o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, o Concello da Coruña instala desde hoxe e até o 30 de maio un mural de gran formato na praza de María Pita a través do que a cidadanía pode establecer un diálogo con dona Emilia.
A alcaldesa, Inés Rey, gabou a figura de Pardo Bazán “como unha muller con múltiples facetas, un referente pola súa actividade literaria, xornalística, como articulista, como ensaísta, incluso como tradutora, unha muller versátil e unha gran pensadora da súa época e, sobre todo, fundamentalmente unha precursora do feminismo”. A alcaldesa lembrou que “foi unha das primeiras, senón a primeira, en falar de mujericidios e en reclamar a igualdade real entre homes e mulleres”.
A instalación, que leva por nome “Palabra de Emilia” e que se pode contemplar en toda a súa dimensión desde as escalinatas da estatua de María Pita, reproduce unha imaxe co rostro da escritora e frases ditas por ela que invitan á reflexión. A idea é achegar frases da obra de Pardo Bazán ao gran público, como xa se fixo no mes de febreiro coas citas máis célebres da escritora pintadas nos pasos de peóns desde Porta Real até a Palloza.
“O mural de María Pita é un dos máis de 40 eventos que o Concello leva a cabo na cidade con motivo do centenario da morte de Emilia Pardo Bazán”
A alcaldesa lembrou que “o mural de María Pita é un dos máis de 40 eventos que o Concello leva a cabo na cidade con motivo do centenario da morte de Emilia Pardo Bazán” e sinalou que “con este mural e con estas frases icónicas de Dona Emilia queremos renderlle hoxe homenaxe no centenario do seu pasamento”. A programación municipal de #EPB100 pódese consultar na web www.coruna.gal/epb100.
A posta en escena sorprendeu gratamente a todas e todos os transeúntes xa que lles permite sinalar as citas que máis lles gusten da escritora. Inés Rey foi a primeira en participar no mural dándolle ao gústame á frase “Amar é un acto, non te fatigues en pensar, ama”.
Ademais, desde a estatua de María Pita as coruñesas e coruñeses poden aproveitar para facerse unha foto con Emilia Pardo Bazán e o Pazo Municipal de fondo, para subila ás redes sociais co cancelo #EPB100.