A Coruña | A alcaldesa, Inés Rey, acompañou aos veciños e veciñas de Monelos no regreso dos bailes de maiores nos centros cívicos, unha das actividades máis populares cuxo desenvolvemento foi interrompido pola pandemia.
A rexedora estivo acompañada pola concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá, Yoya Neira. Ambas celebraron cos veciños e veciñas de Monelos a primeira das citas do calendario que se repetirá todos os luns no centro cívico.
Inés Rey destacou que “coa recuperación dos bailes nos centros cívicos lles devolvemos a ilusión ás e aos nosos maiores que tanto sufriron esta pandemia”. Por mor das restricións da covid-19, a actividade tivo que suspenderse durante estes dous últimos anos, unha das actividades máis demandadas pola terceira idade e na que participan máis de 100 persoas en cada xornada. “Con esta actividade non só coidamos e apoiamos aos nosos maiores, senón que tamén apoiamos ao sector cultural, un dos máis afectados pola covid-19 ” concluíu.
Os bailes levaranse a cabo nos centros cívicos cada luns en Monelos, os martes en Labañou, os xoves no Castrillón e Eirís (en semanas alternas), os venres nos Mallos, os sábados en San Diego e os domingos en Monte Alto, e manterán un horario uniforme: de 17.00 a 20.30 horas.