A Coruña | O Concello da Coruña renderalle homenaxe á figura e obra do mestre Rogelio Groba cun concerto este próximo sábado 20 de xaneiro, ás 20.00 horas, no Teatro Colón.
A cita, programada polo Concello en colaboración coa Fundación Rogelio Groba e a Orquestra de Cámara Galega, é un evento anual coa que A Coruña lembra ao reputado compositor galego mostrando ao público as súas composicións.
O mestre Rogelio Groba conta cun catálogo de máis de 720 obras que abarcan xéneros como óperas, ballets, sinfonías, concertos, música de cámara, para piano, así como para banda entre outros moitos formatos, xéneros e estilos.
A Orquestra de Cámara Galega, baixo a dirección de Rogelio Groba Otero, contará tamén coa participación da pianista Elisa D’Auria e o chelista Joaquín Fernández, quenes darán vida a unha selección da diversidade e riqueza do catálogo musical do mestre Groba.
Este ano, a homenaxe terá un sentido especial xa que coincide co primeiro aniversario do falecemento do mestre Rogelio Groba o pasado 31 de decembro de 2022. O Concello quere así renderlle unha homenaxe en nome da cidade, lembrando o seu legado musical como director da Banda Municipal da Coruña durante 23 anos, fundador da Orquestra de Cámara Municipal e a Orquestra do Conservatorio Superior de Música, da que foi director durante 20 anos.
O Goberno de Inés Rey impulsa este concerto co obxectivo de poñer en valor a figura de Rogelio Groba, convidadando ao público a gozar dunha emotiva celebración ao considerado como o compositor máis prolífico de Galicia.