Castrelo de Miño | A Deputación de Ourense vén de adquirir tres novos ecobarcos, por importe de 141.388,5 euros a través do Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal”, que ofrecerán un novo servizo turístico nos embalses de Castrelo de Miño e Frieira.
Estas embarcacións foron presentadas hoxe no Parque Náutico polo presidente provincial, Luís Menor; o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e o subdelegado do Goberno, Eladio Santos.
Estas tres novas embarcacións, que xunto ás dúas anteriores que xa están en funcionamento en Muíños e Arnoia, “completan este servizo que vén a diferenciar a oferta no territorio con maior potencial termal de Europa como é Ourense”, destacou Luis Menor.
O barco que estará operando en Cortegada denomínase “Miñoto” en alusión a outro dos grandes atractivos turísticos da provincia como é o Camiño onde a navegación está permitida durante todo o ano. Para elo, crearanse rutas que realicen un ensamblaxe turístico entre o Camiño Miñoto e o termalismo, “aglutinando recursos para facer máis atractivo o noso destino aos potenciais visitantes”, sinalou Luis Menor.
As outras dúas embarcacións que se poñerán en funcionamento en Castrelo de Miño denomínanse “Espírito Ribeiro”, que exalta a tradición vitivinícola da comarca, e “Moura” que fai alusión á cultura castrexa que atesoura este territorio. Ambas poderán navegar desde xuño ata finais de setembro nunha ruta circular no centro do encoro.
Ademais, tal e como anunciou o presidente provincial, a Deputación poñerá en marcha un proxecto piloto a través do Inorde cos servizos turísticos que conforman a oferta do destino “Ourense Termal” nesta zona para crear experiencias sostibles que poidan ofrecerse ao público na vindeira tempada. Neste sentido, Luis Menor destacou que para o goberno provincial é “vital traballar da man co tecido turístico para levar a cabo as nosos políticas públicas enfocadas a promover un crecemento sustentable e baseado na calidade”.
Embarcacións respectuosas co medio e accesibles
Estes ecobarcos, ao igual que os anteriores, están especialmente deseñados para ser respectuosos co medio.
Teñen capacidade para oito persoas e con accesibilidade para persoas con mobilidade reducida. Contan con propulsión eléctrica, evitando así a emisión de contaminantes e xerando pouca ola para protexer tamén a fauna e a flora dos ríos polos que navega.
Os obxectivos desta actuación enmarcada no Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal” son: crear un sistema de mobilidade turística sostible, incrementar as actividades complementarias á oferta termal; impulsar o ensamblaxe de produtos turísticos e incrementar a estadía media no destino, explicou o presidente provincial.
O PST en “Ourense Termal” estase a materializar ao longo das anualidades 2022-2024 nos 15 municipios rurais termais da provincia, a través dun convenio entre a Deputación de Ourense, a Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.