Pontevedra | A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a adxudicación de 28 bolsas de mobilidade ao alumnado participante no proxecto “Erasmus + Practicum Depo 2017” por unha contía que ascende a 170.357 euros. Nesta oitava quenda, que comeza en xaneiro, alumnas e alumnos procedentes de doce centros educativos da provincia viaxarán a Italia, Irlanda, Portugal, Reino Unido, Malta e Finlandia para desenvolver as súas prácticas formativas ao longo de seis meses.
Ten por obxectivo favorecer a integración no mundo laboral do alumnado de Formación Profesional de ciclos medios
Máis polo miúdo, saen beneficiados catro alumnos e alumnas de Pontevedra (IES Luis Seoane, IES Montecelo e IES Frei Martín Sarmiento), tres de Redondela (IES Chapela, IES Pedro Floriani), oito de Vigo (CPR San Miguel, I.P Marítimo Pesqueiro), oito de Gondomar (IES Terra de Turonio), un ou unha de Salvaterra de Miño, dous ou dúas de Silleda (IES Pintor Colmeiro), un ou unha de Lalín (IES Ramón María Aller Ulloa), e un ou unha de Cangas (IES de Rodeira).
Esta terceira edición ten un orzamento de 700.967 euros e ten por obxectivo impulsar a mobilidade das persoas con motivo da súa aprendizaxe, o que se pretende dende a institución provincial é levar a cabo un programa de mobilidade de estudantes graduados e graduadas en Formación Profesional de ciclos medios para que se poidan formar e facer a súa primeira incursión no mundo laboral para intercambiar experiencias a través de prácticas en empresas e institucións estranxeiras. Dende que a institución provincial puxo en marcha “Practicum Depo” investíronse e estanse a investir máis de 3,5 millóns de euros no impulso da mobilidade de case 450 persoas, entre o alumnado e o profesorado de ciclos formativos, que realizan as súas prácticas profesionais no estranxeiro ou viaxan para coñecer como se imparte a docencia destes niveis educativos noutros países da Unión Europea.