Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, mantivo unha reunión de traballo no seus despacho co presidente da Fundación San Rosendo, José Luis Gavela, encontro no que amosou a disposición da institución provincial a colaborar cos proxectos de ámbito asistencial nos que está a traballar a entidade.
Menor Pérez subliñou a importancia que para a veciñanza ourensá suporán os proxectos da Fundación, “cun salto cualitativo a nivel asistencial na provincia a prol desa xeración á que tanto lle debemos”. Un compromiso social que, como lembra o presidente, tamén materializou o goberno autonómico recentemente coa aprobación dun investimento de máis de 10,7 millóns de euros para a construción, mellora ou ampliación de 16 centros de atención a maiores en diversos concellos ourensáns.
Acompañado por Julio Soto, patrono da Fundación, José Luis Gavela detallou ao presidente provincial os plans nos que están traballando. Ademais de estar á espera da concesión de licencia, por parte do Concello de Ourense, para o inmoble da praza de Pontevedra no que se habilitarán 28 prazas para dependentes e catro apartamentos tutelados, a entidade tamén proxecta dúas accións importantes nas vilas de Verín e Xinzo de Limia.
Este ano será en Verín onde, pendentes da licencia do Concello, levarán a cabo a obra da residencia xeriátrica que constará de 100 prazas e suporá a creación de 48 postos de traballo de acordo ao novo modelo residencial que promove a Xunta de Galicia. Tamén se traballa para que o vindeiro ano se constrúa en Xinzo de Limia, un complexo residencial con 135 prazas que crearán ao redor de 55 postos de traballo. Na foto Julio Soto, Luís Menor e José Luís Gavela.