Deputación da Coruña | A Deputación da Coruña destina 497.801,26 euros a 33 entidades sen fins de lucro da provincia para o mantemento de programas sociosanitarios durante o ano 2020.
Iniciativas de asesoramento e orientación sociolaboral; atención psicolóxica; terapias de rehabilitación; programas de apoio para persoas con adiccións; intervención terapéutica nos trastornos alimentarios, charlas, foros, publicacións, programas formativos e campañas de sensibilización sobre diferentes doenzas, son algunhas das iniciativas no eido do benestar social que poderán desenvolverse contando co apoio da institución provincial.
A Deputación publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión definitiva destas axudas ás entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan este tipo de proxectos en beneficio da sociedade. Estas van desde os 1.000 euros ata un máximo de 40.000 euros.
A deputada Ana Lamas destaca o “gran traballo” das entidades sociais que impulsan estes programas e “contribúen a mellorar a vida de miles de persoas” na provincia
A deputada da área de Benestar Social, Ana Lamas, afirmou que, con estas subvencións, o ente provincial “busca atender ao maior número de persoas que precisen participar nun destes programas, así como para sensibilizar á cidadanía sobre determinadas doenzas”.
“Cada ano, miles de persoas participan nestes programas, que contribúen a mellorar distintos aspectos das súas vidas”, afirmou a deputada, que gabou “o gran traballo” que realizan as entidades sociais que desenvolven estes programas .