A Coruña | A Deputación da Coruña aprobou o novo Plan de Emprego Local (PEL) para o período 2020-2023. A proposta foi aprobada por unanimidade no último pleno da corporación provincial, celebrado hai uns días de forma telemática.
O PEL contribuirá a paliar as dificultades do tecido empresarial ocasionada pola COVID19
O PEL verase reforzado neste mandato debido á boa acollida que experimentou entre empresas e emprendedores nos seus primeiros catro anos de funcionamento e á vontade do Goberno provincial de contibuír a paliar os serios efectos socioeconómicos da COVID19.
“Estamos traballando na creación de novas liñas do PEL adaptadas ao difícil escenario actual e destinadas a cubrir as necesidades das pemes e autónomos da provincia da Coruña”, explica o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que destacou que “a coordinación entre todas as administracións será clave para mellorar a eficacia das axudas, evitar que se solapen e permitir que cheguen ao maior número de persoas”.
Neste sentido, avanzou que que a área de Emprego Deputación ultima a redacción dunhas bases xerais ás que se poderán acoller todos os concellos que queran implementar liñas de axudas a empresas e autónomos locais pero carezan de capacidade técnica para facelo.
A posta en marcha do PEL 2016-2019 supuxo un investimento provincial sen precedentes en materia de emprego, conseguindo que 2.636 persoas atoparan un emprego na provincia grazas as liñas de PEL-CONCELLOS e PEL-PEMES e 829 emprendedores e emprendedoras recibiran o apoio económico da Deputación para investimentos e actividades relacionadas coa súa actividade empresarial.
Ademais o PEL 2016-2019 conseguiu captar máis de 6 millóns de euros de financiamento europeo para executar proxectos relacionados coa mellora da empregabilidade e puxo en marcha os primeiros centros da Rede Provincial de Espazos de Coworking .
40 millóns de orzamento inicial
O novo Plan de Emprego Local 2020-2023 é un PEL reforzado, que disporá de máis de 40 millóns de orzamento inicial para loitar contra o desemprego e o peche prematuro de negocios a causa da pandemia da COVID19.
Este seguirá tendo como obxectivos favorecer a creación, a posta en marcha e a consolidación de novas empresas na provincia, fomentar o emprendemento, atraer o talento e a innovación, valorizando os recursos locais e favorecendo a fixación de empresas e profesionais en zonas principalmente rurais para impulsar a modernización do tecido empresarial a través da oferta dunha serie de servizos e axudas complementarias ás que proporcionan as distintas administracións.
O PEL 2020-2023 adaptará as súas axudas á realidade territorial. Servirá tamén como instrumento de traballo dos diferentes servizos que dentro da Deputación executan iniciativas e políticas vinculadas á promoción do emprego, englobando tamén aspectos vinculados ás dimensións de desenvolvemento territorial e medio ambiente, cohesión socioeconómica, loita contra a España baleirada, captación e retención de talento e promoción económica.
Desde o ano 2016 a prioridade da Deputación da Coruña é indubidablemente o emprego e así o continuará a ser ata o 2023 grazas a aprobación deste novo Plan de Emprego Local 2020-2023.