Ourense | A Deputación dará visibilidade ao traballo que realiza a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) na provincia de Ourense. Así o anunciou o presidente provincial, Luis Menor, tralo encontro mantido no Pazo Provincial co presidente da entidade, Anxo Queiruga; e as máximas responsables de COGAMI en Ourense, Laura Quintas e Mónica Limia, encargadas de coordinar os servizos que prestan e ás 16 asociacións que forman parte de COGAMI en Ourense.
“Desde a Deputación de Ourense vimos prestando unha axuda continuada a esta entidade que realiza un traballo vital para as persoas con discapacidade na provincia de Ourense”, destacou Luis Menor. No encontro, o presidente provincial ratificou ese apoio e comprometeuse a traballar conxuntamente en dar unha maior visibilidade ó labor que realiza COGAMI, “vital para un sector vulnerable do noso territorio”, así como a dar resposta a súa demanda de dar estabilidade e previsión a esta colaboración “porque as súas necesidades son recorrentes e non admiten da oportunidade política”.
O presidente da Deputación agradeceu o “gran labor” que realiza esta entidade asegurando que conta “coa man tendida deste goberno provincial para traballar xuntos para eliminar esas barreiras que aínda existen e lograr unha sociedade máis igualitaria”. No 2023, o 46% das persoas que realizaron cursos de formación con COGAMI lograron un emprego aos seis meses de rematalo
Os servizos que COGAMI presta na provincia inclúen información e asesoramento xurídico, intermediación laboral -como centro asociado ao Servizo Galego de Colocación- prestando este servizo para todas as persoas de Galicia con discapacidade e con especial atención ao ámbito rural.
De feito, o persoal técnico de COGAMI acércase ás distintas comarcas da provincia para evitar que as persoas se teñan que desprazar ofrecendo no propio territorio accións de orientación e de intermediación laboral. Planifican a súa oferta formativa segundo as demandas das persoas con discapacidade e analizando o tecido empresarial de cada zona.
“O noso obxectivo é a inserción laboral e nos cursos de formación que fixemos no ano 2023, o 46% das persoas que formamos atoparon un emprego aos seis meses de rematar o curso”, salientou Anxo Queiruga, quen agradeceu a Luis Menor a colaboración da Deputación para “apoiar o mantemento e funcionamento deste servizo”.