Lugo | Darío Campos Conde, presidente da Deputación de Lugo, presentou a representantes de concellos de Galicia e Asturias os primeiros traballos que está a elaborar a Deputación xunto a especialistas na materia sobre o trazado histórico da Vía Rexia do Norte. Campos Conde presentou no municipio pontenovés a parte correspondente ao treito dende Lugo á Pontenova mentres o organismo provincial segue a avanzar no de A Pontenova-Vegadeo para culminar o estudo do trazado completo desta Vía. O goberno da Deputación e alcaldes de concellos galegos e asturianos defenden a recuperación da Vía Rexia do Norte, así como o seu recoñecemento oficial por parte da Xunta de Galicia como ruta histórica de peregrinación a Compostela, dentro do Camiño Norte a Santiago, que conta coa declaración de Patrimonio da Humanidade da UNESCO.
A parte do estudo finalizada e presentada por Campos Conde fai unha análise sobre o trazado histórico do treito Lugo-A Pontenova. Mantén que a Ruta de Abres é a variante máis antiga do Camiño do Norte que entra en Galicia dende o Río Eo e discorre polo Camiño Real de Meira, achegando aos camiñantes á cidade de Lugo. Con todo, este camiño é o único de todas as alternativas xacobeas que non obtivo recoñecemento oficial, xa que non se incluíu no decreto de delimitación oficial da Ruta da Costa (DOG do 23 de decembro de 2014). Do mesmo xeito, tampouco se oficializou o Camiño Real de Meira no decreto de delimitación do Camiño Primitivo (DOG do 31 de decembro de 2012).
Colaboración
O estudo apunta que a pesares da falta de sinalización, esta ruta estase a consolidar entre os camiñantes que se achegan a Lugo. Por todo o anterior, o goberno da Deputación e os concellos polos que discorre a Vía Rexia buscan impulsar medidas de protección e recuperación, así como o seu recoñecemento oficial, co obxectivo de potenciar a economía mediante a posta en valor dos recuros patrimoniais, históricos, culturais e ambientais, que ofrece esta antiga variante do Camiño. Tras a presentación dos primeiros resultado deste estudo, asinaron convenios de colaboración intermunicipal para traballar conxuntamente dende os concellos de Galicia e Asturias na procura de financiamento para a elaboración dun proxecto técnico de recuperación e protección da Vía Rexia do Norte.
O presidente explicou que a Deputación seguirá avanzando con medios propios na elaboración do estudo sobre o conxunto do trazado previo e necesario ao proxecto técnico para o se busca financiamento. Campos Conde avanzou que o organismo provincial tamén se implicará na promoción da Vía. A proposta do goberno da Deputación, o pleno provincial aprobou por unanimidade reclamar ao Executivo de Feijóo na Xunta de Galicia o recoñecemento ofical da Vía Rexia do Norte.
Participantes
Ademais de Campos Conde, no encontro participou o alcalde de Meira, Antonio de Dios Álvarez; o de Vegadeo, César Álvarez Fernández; a alcaldesa de San Tirso de Abres, María Goretti Quintana Rey; o alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias González; o da Pastoriza, Primitivo Iglesias Sierra; o de Castro de Rei, Francisco Javier Balado Teijeiro; o historiador Ricardo Polín; o ex director do Castro de Viladonga, Felipe Arias, a directora do Castro de Viladonga, Elena Varela; así como representantes dos Concellos de Pol e Lugo, ademais de técnicos provinciais.