Lugo | O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou no Pazo de San Marcos a gala “Unha xeración, dous mundos” que será unha gran homenaxe á emigración galega en Cataluña que se celebrará o 10 de decembro no Gran Teatro Liceo de Barcelona.
Participaron na presentación o presidente da Federación Xuntanza de Cataluña, Xosé Carlos García; o presidente de UAGALCAT, Francisco Javier Rodríguez; o presidente do Centro Galego Rosalía de Castro de Cornellá, Oliver Fernández; a presidenta do Centro Galego Agarimos de Badalona, Amelia Espinosa e o presidente da Casa Galega de Hospitalet de Llobregat, Manuel Prados, ademáis de alcaldes e alcaldesas da provincia.
O mandatario provincial salientou que este acto de homenaxe “é moi merecido”, e apuntou que será a primeira vez que se organiza unha homenaxe destas dimensións á comunidade galega en Cataluña, polo tanto, dixo, “estamos falando dun feito histórico”. “Un recoñecemento a eses miles de veciños e veciñas da provincia de Lugo e de Galicia que tiveron que marchar fóra para buscar un futuro mellor, algo que, dende logo conseguiron, porque fixeron mellor o futuro da comunidade que os acolleu e, coas súas aportacións, tamén contribuíron de maneira moi importante ó desenvolvemento de Galicia”, explicou.
Recoñeceu Tomé que a “idea de ofrecer un recoñecemento á comunidade galega en Cataluña partiu de Xuntanza de Catalunya, unha entidade que naceu da fusión dos proxectos socioculturais da Casa Galega Agarimos de Badalona; a Casa Galega de Hospitalet; a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellá e a Asociación de Amigos do San Froilán de Barcelona, cos que mantemos dende hai moitos anos na Deputación unha estreita e moi afectuosa relación”.
De feito, lembrou que mantivo unha reunión de traballo en Lugo co presidente de Xuntanza, Xosé Carlos García, e o presidente da Casa Galega de Hospitalet, que foi o punto de partida para materializar a colaboración da Deputación de Lugo para organizar o evento. O presidente animou a que todas as persoas queiran viaxar a Barcelona para tomar parte nesta “gran celebración da galeguidade en Cataluña”.
Fortalecer os lazos
Tomé Roca explicou que esta é “unha maneira de fortalecer os lazos dos galegos que están fóra e os seus descendentes con súa terra de orixe, porque iso é unha forma de enriquecernos a todos, a nivel sociocultural, pero tamén económico”.
Nese sentido agradeceu e trasladou públicamente ás entidades que forman parte de Xuntanza de Catalunya as “máis sinceras felicitacións por impulsar este acto de homenaxe a medio século de galeguismo en Cataluña, porque é de xustiza reivindicar e sentirnos moi orgullosos deses milleiros de pequenas historias persoais e familiares que xuntas forman a gran Historia da emigración galega”.
Un papel crucial na historia de Cataluña
“Penso que o papel dos galegos e galegas en Cataluña compón unha páxina importante, non só da historia de Galicia, senón da recente historia de España. E por elo debemos sentir orgullo, valoralo, recoñecelo e agradecerlle a esa xeración e ós seus descendentes o traballo que fixeron e seguen a facer”, afirmou.
Recordou o presidente da Deputación que na décadas dos anos 60 e 70, en torno a 100.000 galegos e galegas marcharon para Cataluña, “afortunadamente, esta emigración desenvolveuse en mellores condicións que os procesos migratorios do século XIX, pero, en calquera caso, o que marcha sempre ten unha sensación de perda, de certa orfandade.
Sempre deixa algo atrás, e loita por non perder as súas raíces, as súas tradicións, que forman parte da súa identidade”. Así mesmo, puxo en valor o traballo de institucións galegas en Cataluña, “como as que agrupa Xuntanza, levan medio século de traballo encamiñado precisamente a manter eses lazos, esa conexión coa terra, porque, dende logo, hai que recoñecer os valores, o traballo e o compromiso que os lucenses e os galegos levaron Cataluña”.
Apuntou que esa emigración desas dúas décadas estivo ligada ao desenvolvemento da industria e que contribuíu de xeito decisivo á xeración de riqueza en sectores como os servizos, o téxtil ou o automóbil. “Ese compromiso dos galegos co bo facer resultou fundamental para a modernización do país. Cando se estuda a Transición, cando os historiadores analizan con seriedade como fomos capaces de recuperar a democracia, todos coinciden en sinalar que o cambio político triunfou porque o país cambiara, porque xa tiñamos unha clase media moderna, aberta, en contacto con Europa, resultado dese proceso de modernización da industria”, argumentou na súa intervención Tomé Roca.
A gala
A homenaxe terá lugar o vindeiro 10 de decembro, a partir das seis da tarde, no Gran Teatro do Liceo de Barcelona, e consistirá nunha gala de teatro musical que leva o nome Unha xeración, dous mundos. Terá un aforo de 2.200 persoas e está previsto que participen máis de 250 actores e músicos, baixo a dirección artística de Xisco Feijóo e Artur Puga, dous referentes no mundo da cultura musical e da danza. Na organización están involucradas 27 entidades colaboradoras.