Ourense | A Deputación de Ourense reforza o seu “sólido compromiso coa sustentabilidade” cunhas xornadas informativas sobre xestión de residuos na industria, en colaboración coa Asociación Profesional de Empresas Ambientais de Galicia (APROEMA), celebradas no Centro Cultural Marcos Valcárcel. O presidente Luis Menor subliña o medio ambiente como unha das “liñas estratéxicas” polas que aposta no seu mandato e que terán “importantes investimentos”.
Neste sentido, o goberno provincial xa traballa na folla de ruta para crear un novo modelo de taxa para a recollida de lixo, iniciativa “pioneira e innovadora” que permitirá avanzar en que o usuario pague só polos residuos que xera. Menor destacou que a Deputación de Ourense é a única que presta de modo directo o servizo de xestión de residuos, “moi demandado polos concellos”.
“A xestión eficaz dos residuos non é só un factor esencial para o cumprimento da normativa vixente, senón unha oportunidade para que as industrias fortalezan a súa posición competitiva no mercado”, subliñou Menor na clausura das xornadas.
Pago por xeración
O compromiso coa sustentabilidade é unha “máxima” do mandato de Luis Menor. Neste sentido, no ámbito do medio ambiente, unha das principais apostas da Deputación de Ourense para 2025 será a nova ordenanza que regula as taxas da recollida de residuos, que pasa a ter carácter provincial e será xestionada pola Deputación nos 59 concellos que teñen delegada esta competencia.
Esta regulación senta as bases dunha nova estrutura de tarifas, nas que o usuario pagará en función da cantidade de residuos que xera (pago por xeración), o que require de importantes investimentos e tamén de cambios nos hábitos da cidadanía, que poderá optar a bonificacións de ata o 40 % na tarifa en función da súa colaboración na supresión dos residuos, como poder ser o uso dos puntos limpos ou a compostaxe.
A área de Medio Ambiente, ademais, terá unha partida de 2,1 millóns de euros para investimento en equipos, vehículos, plantas de transferencia e puntos limpos. O obxectivo é que, ademais de vía modificación, esta cantidade achéguese aos 4 millóns de euros. A xornada “Protocolos eficaces para a xestión de residuos na industria” comezou cunha benvida a cargo de Marta Nóvoa, presidenta primeira da Deputación de Ourense e Arancha Mañas, presidenta de Aproema. Varios expertos en materia ambiental abordaron durante a xornada asuntos relacionados con obrigas e sancións, xestión documental ou casos de boas prácticas.