Ourense | A Deputación de Ourense dedica o seu “8 de maio” á muller artesá, representada pola emprendedora Inés Rodríguez, que rexenta unha empresa de deseño téxtil artesán, Inés RIR&Co, quen agradeceu esta iniciativa que “contribúe a dar visibilidade ao traballo da muller no medio rural, especialmente nas profesións culturais e creativas poñendo en valor a súa profesionalidade”.
Así mesmo, Inés Rodríguez manifestou sentirse “moi orgullosa” desta referencia “na nosa provincia” no que respecta a esa artesanía que recupera a tradición e a une á innovación.
Con esta iniciativa “8M, mes a mes”, o goberno provincial realiza un recoñecemento especial en honra ás mulleres con profesión altamente masculinizadas ou de gran relevancia ao longo da historia. Deste modo, “promovemos ao longo de todo o ano a importancia das mulleres e o seu traballo facendo referencia a ditas profesións con figuras da provincia”, explicou a deputada de Igualdade, Teresa Barge.
Neste 8 de maio faise referencia á muller artesá baixo o lema “A (Arte)sanía da Muller”, que está representada por Inés Rodríguez, natural de Ourense. Inés é unha artesá do ámbito téxtil que mestura a tradición e a innovación no seu propio estudo situado en Allariz, onde elabora tecidos artesanais e únicos. Conta cunha exitosa traxectoria que foi recoñecida en numerosas ocasións por diversos premios chegando a ser Premio Nacional de Artesanía 2023 na categoría Produto e finalista do Premio Nacional de Artesanía 2020 na categoría de Emprendemento.
A propia homenaxeada pola Deputación neste mes de maio explicou que o seu traballo “mestura a creatividade coa tradición artesán, o deseño e innovación para que a nosa cultura non se perda e evolucione cara o futuro mantendo a súa esencia”. Así mesmo, asegurou que “as profesión creativas e culturais son necesarias tamén nun medio rural vivo e poden ser unha oportunidade de traballo para moitas persoas, especialmente mulleres”. Na foto Inés Rodríguez no seu obradoiro de Allariz.