Ourense | A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense vén de aprobar, na súa sesión ordinaria semanal, diversas axudas por un importe total de 884.732,29 euros.
De todas elas destaca a achega concedida á Comunidade Xeral de Regantes Nova Limia para a modernización do instalación do regadío, cun importe total de 600.000 euros. A Xunta de Goberno cumpre así cos acordos plenarios do 24 de novembro de 2023 e do 26 de abril de 2024 onde quedara reflectido dito compromiso que hoxe queda materializado na cantidade acordada naquelas sesións.
O resto das axudas, cifradas en 284.732,29 euros, están destinadas a diferentes entidades (45.000 euros) e a concellos da provincia (239.732,29). As entidades beneficiarias das achegas aprobadas hoxe son a Asociación Coordinadora Festa da Istoria para gastos de organización da Festa da Istoria; a Asociacion Ruta do Viño do Ribeiro para actividades de promoción e Claqueta Coqueta SL, para o proxecto “Os Centenarios”.
No que atinxe aos concellos, destináronse axudas para amortizacións de débeda; para acondicionamento de espazos públicos; para o cofinanciamento de melloras de camiños, de instalacións e servizos, así como de adecuacións de humanizacións para o fortalecemento da actividade comercial en áreas turísticas; e tamén para melloras na rede viaria.