Laza | O presidente da Deputación, Luís Menor, estivo en Laza acompañado polo alcalde, José Manuel Barreal, e membros da corporación local, co obxecto de visitar algunhas das obras que están en marcha neste concello tanto no marco do Plan CooperOU como das axudas aprobadas polo Goberno provincial, programa de investimentos que ata agora ten comprometido máis de 1,2 millóns de euros para este municipio.
Menor comprobou as obras que está a executar o Concello para a restauración do muro de contención entre a rúa Zapateiros e a praza da Picota, cun investimento de 30.000 euros. Tamén visitou o acceso ao patio de manobras da base do GES (38.000 euros) e á cuberta da pista de pádel (42.642,17 euros), así como ademáis o núcleo da Retorta, onde coa axuda da Deputación e da Comunidade de Montes estase a renovar o pobo en materia de saneamento, abastecemento e pavimentación, “deixando a este núcleo como exemplo de recuperación no rural e con gran satisfacción da súa veciñanza”, explicou Menor Pérez.
Xunto coa cantidade prevista no Plan Provincial de Cooperación CooperOU ata 2027 (823.153,17 euros), tamén está contemplado que a Deputación colabore na construción da residencia de maiores (252.000 euros) así como en futuras obras realizadas en cooperación con outras administracións como a Xunta.
“Grazas á cooperación da Deputación, o Concello de Laza está a realizar obras en prácticamente todos os eidos da actividade municipal, facilitando así a mellora dos seus servizos”, sinalou Luís Menor.