Nogueira de Ramuín | O miradoiro Pé do Home, en Nogueira de Ramuín, acolleu esta mañá a presentación da 12ª etapa de “A Volta 24” que, co patrocinio da Deputación de Ourense, disputarase íntegramente en territorio da provincia.
O presidente provincial, Luís Menor, e o director da Volta Ciclista a España, Javier Guillén, acompañados polos alcaldes dos municipios ourensáns polos que transcorre a proba, presentaron os detalles deste evento deportivo.
A 12ª etapa da Volta, que se disputará en Ourense o 29 de agosto, transcorrerá por unha ducia de municipios da zona da Ribeira Sacra. O pelotón sairá da cidade para disputar os 133 qms de percorrido, pasando polos municipios do Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Paderne de Allariz, Maceda, Esgos, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Teixeira, Castro Caldelas, San Xoán de Río, Trives e con final na estación de montaña de Manzaneda.
Luís Menor lembrou que a Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio Mundial da UNESCO, demostrou ser “un lugar perfecto para o ciclismo con tramos esixentes de gran dureza, que discorren por unha contorna inigualable para o deleite dos ciclistas e tamén dos millóns de afeccionados que seguen este espectáculo do ciclismo por todo o mundo”.
Javier Guillén explicou que “o ciclismo en roteiro defínese por dúas cuestións: a épica e a estética e, en base a esas dúas definicións fixemos unha etapa redonda: deportivamente moi emocionante e esteticamente apaixonante. Asegurou que os veciños e veciñas da provincia “van sentir orgullosos do que teñen e do lugar no que viven”.
Escaparate mundial da provincia de Ourense
A 79ª edición da Volta a España “volverá ser un novo éxito de promoción internacional da provincia e contribuirá a seguir incrementando o número de visitantes a Ourense, grazas ao gran impacto mediático, promocional e publicitario que supón acoller unha das 21 etapas da Volta deste ano”, destacou o presidente provincial.
Neste sentido,Luís Menor lembrou que A Volta “é, sen dúbida, un dos eventos deportivos de maior proxección no mundo, e que unha vez máis, grazas ao compromiso da Deputación, volve ter a Ourense como protagonista dunha das súas etapas”.
Ademais, cabe destacar que a caravana publicitaria da Volta realizará na etapa ourensá dúas paradas técnicas: unha en Nogueira de Ramuín e outra en Castro Caldelas. Mentres que, o parque volta instalarase en Trives desde as 16:30 ás 20:00 horas e o acceso é libre.
Ao fío disto, o director da Volta explicou que se trata dunha carreira que move a máis de 3.000 persoas que estarán máis dunha noite na provincia de Ourense. “Chegaremos a 190 países cunha particularidade nesta etapa, e é que as 3 horas e media de retransmisión faranse sobre a provincia de Ourense, promocionando recursos como “Ourense Termal”, a Ribeira Sacra e a estación de montaña de Manzaneda. Por iso, Javier Guillén dixo que esta promoción do territorio “ten un valor incalculable” sinalando que ademais se realiza “a través dun deporte tan seguido e multitudinario como é o ciclismo que nos fai ser un vehículo de primeiro nivel, superando xa os 400 millóns de espectadores cada ano”.
3 etapas da Volta disputadas íntegramente na provincia
A 12ª etapa da Volta 24, que unirá Ourense e a estación de montaña de Manzaneda será a 3ª etapa da Volta disputada íntegramente na provincia de Ourense, así como a 18ª saída de etapa e a 17ª meta da Volta na nosa provincia. Por iso, Luís Menor agradeceu ao director da Volta que “sempre que esta proba ten a ocasión de vir a Galicia, unha das súas paradas obrigatorias na nosa Comunidade sexa a provincia de Ourense”.
Nas fotos Luís Menor e Javier Guillén. Alcaldes dos municipios ourensáns polos que pasará a proba ciclista.