A Deputación de Ourense presenta unha modificación de crédito de 14,6 millóns de euros

Máis de 7,2 destínanse á cooperación coas entidades locais

Ourense | O goberno provincial presentará ao pleno do presente mes de outubro un expediente de modificación de crédito que supera os 14,6 millóns de euros, dos que máis de 7,2 millóns estarán destinados a cooperación coas entidades locais.

“Unha aposta clara, decidida e que seguimos a consolidar polo municipalismo”, subliñou o presidente da Deputación, Luís Menor, quen destacou ademais outras importantes partidas recollidas no documento, como os 2,5 millóns reservados para a rede de estradas provinciais; 1,5 millóns que permitirán saldar a débeda coa sociedade Meisa que xestiona a estación de montaña de Manzaneda; e os preto de 554.000 euros para a finalización do parque acuático de Monterrei.

Para Menor, a segunda modificación de crédito deste ano (a primeira foi en abril) “reforza o cambio de modelo de financiamento que implantamos ao inicio do mandato, chegando ao 100 % das entidades locais”. Así, incide Menor, con este novo documento “alcanzamos na Deputación unha cifra inédita de financiamento para concellos e mancomunidades: 35 millóns de euros, contando tamén coa modificación de outubro de 2023”.

Maiores ingresos dos previstos
O expediente actual ten como punto de partida a recepción de maiores ingresos dos previstos en concepto da participación nos tributos do Estado, correspondentes á liquidación do exercicio 2022, o que posibilita o financiamento de novos proxectos tanto en cooperación con entidades locais como con asociacións e colectivos de diversos ámbitos.

Polo que respecta ás entidades locais, a modificación de crédito reserva algo máis de 7,2 millóns para investimento e gasto corrente. Máis de 6,5 millóns distribúense entre todos os concellos da provincia para investimentos, destacando proxectos relacionados con infraestruturas deportivas ou centros de maiores. Para financiar operacións correntes como funcionamento de servizos municipais xerais, de carácter social, educativo ou actividades culturais, entre outros, o expediente recolle achegas por un valor superior a 588.000 euros.

Estradas provinciais
Polo que atinxe á propia Deputación, destaca unha nova ampliación do programa de mantemento e mellora da rede de estradas provinciais coa incorporación de 2,5 millóns, de tal modo que a dotación económica desta partida alcanza xa os 7 millóns de euros. Neste apartado de cooperación inclúese a consignación de case 554.000 euros para rematar o parque acuático do complexo de ocio e deportivo de Monterrei.

Ademais,o goberno provincial opta por liquidar con 1,5 millóns a débeda que lle corresponde na sociedade Meisa, que xestiona a estación de montaña de Manzaneda, de tal modo que se poderán centrar todos os esforzos na promoción destas instalacións, sexa para a práctica do esquí ou como unha opción turística e de ocio desestacionalizado.

Tamén está presente nesta modificación de crédito a colaboración con outras entidades que teñen entre os seus obxectivos a cultura, a formación, o deporte ou a promoción económica, para o que se reservan máis de 1,4 millóns en concepto de gasto corrente e investimento. Na foto, sesión plenaria do mes de setembro.