Ourense | A Deputación de Ourense, como socia do Eixo Atlántico, difundirá o potencial turístico da provincia na feira portuguesa “Expocidades”, na localidade portuguesa de Valongo, en cuxa inauguración estivo presente o deputado provincial de Turismo e Termalismo, Rosendo Fernández.
No stand de Ourense houbo unha degustación de pulpo do Carballiño, ofrecida pola Asociación de Pulpeiros deste municipio, en colaboración coa institución provincial, para promocionar este recurso icónico da oferta enogastronómica ourensá.
Portugal é o primeiro mercado emisor de turistas foráneos a Galicia e, por suposto a Ourense, a provincia con máis quilómetros de fronteira con outro país, concretamente 219 con Portugal. Polo tanto, a participación neste tipo de foros serve para dar a coñecer a oferta sostible e de calidade do territorio entre un mercado de proximidade.
A mostra, que se celebrará ata o 10 de setembro, está organizada polo Eixo Atlántico co obxectivo de promover o turismo de proximidade entre as localidades galegas e portuguesas que forman parte do Eixo. Os visitantes poderán coñecer durante estes días os numerosos recursos turísticos que ofrece a provincia de Ourense, desde os seus itinerarios xacobeos, o programa de termalismo social da Deputación de Ourense, así como os xeodestinos que integran o noso territorio.