Madrid | A Deputación de Ourense, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Ourense, participou nun evento organizado pola provincia de Qinghai no Centro Cultural de China en Madrid co fin de estreitar as relacións multiculturais entre ambos países.
O goberno de Qinghai convidou á Deputación de Ourense a asistir a esta xornada por ser unha das provincias españolas coas que vén estreitando lazos de cooperación, trala visita realizada o pasado mes de novembro, dunha delegación ao Pazo Provincial.
Esa boa sintonía materializouse hoxe coa sinatura dunha carta de entendemento entre ambos territorios que senta as bases para establecer posibles liñas de colaboración no futuro en materias como turismo, enerxía e xestión de recursos naturais. O documento foi asinado polo deputado de Representación Institucional e presidente do Inorde, Rosendo Fernández e polo gobernador da provincia de Qinghai, H.E. Wu Xiaojun.
Trala sinatura deste compromiso entre ambos territorios, a delegación china encabezada polo gobernador de Qinghai e polo embaixador de China en España, Yao Jing, visitou xunto a delegación ourensá- integrada tamén pola presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense, Marisol Rodríguez, e o seu secretario xeral, Jaime Pereira, e a xerente do Inorde, Emma González- a exposición de fotografías de paisaxes naturais da provincia China de Qinghai, así como os stands da provincia de Ourense que ofrecían información principalmente sobre o turismo cultural a través da Vía da Prata, o termalismo e o turismo de natureza.
A exposición contou cunha sección dedicada a produtos participantes no programa de internacionalización ExportOU, desenvolto pola CEO co financiamento da Deputación de Ourense a través do Inorde, que foron considerados de oportunidade no mercado chinés.
Entre estes promovéronse os viños das catro Denominacións de Orixe presentes na provincia de Ourense (Monterrei, Ribeiro, Ribeira Sacra e Valdeorras), castañas “marron glacé” do Grupo Cuevas, aceite de oliva virxe extra de Aceites Abril, zumes orgánicos, marmeladas e conservas veganas de Terra de Baronceli, e pan da I.X.P. Pan de Cea. Tamén se expuxo cosmética termal natural de Blue Silks.