Pontevedra | A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión da convocatoria 2019 dos préstamos sen xuros. A Presidenta Carmela Silva informou de que “as axudas deste ano ascenden a máis dun millón de euros (1.054.665,18 €) dos que, nesta primeira relación, se van beneficiar catro concellos: A Cañiza, Arbo, Catoira e Ponteareas.
Deste xeito, A Cañiza recibirá 42.928,21 € cos que poderá “mercar terreos nos que crearán un paseo e zonas verdes de esparexemento”. Pola súa banda, as axudas da Deputación para Arbo, cun total de 211.750 €, terán por obxecto “mercar un inmoble que o concello destinará a un centro social de atención á terceira idade e á primeira infancia”. Pola súa banda, Catoira recibe 400.000€ (a cantidade máxima subvencionable) para financiar unha operación de tesourería e, finalmente, Ponteareas beneficiarase dun total de 399.986,97 € cos que financiará diversos investimentos: “69.000 € destinaraos á ampliación da rede de abastecemento en Albar e Puzo San Mateo de Oliveira, 88.000 € ao acondicionamento do centro cultural de Guillade e 244.000 € á rehabilitación dun edificio para acoller un centro sociocultural”.
Os préstamos sen xuros da Deputación de Pontevedra son un instrumento máis de planificación de políticas públicas, que teñen por obxecto o fomento dunha utilidade pública, de interese social ou de promoción de uso público. O principal obxectivo desta iniciativa é facilitarlle aos concellos unha fonte de financiamento adicional co que poder afrontar, preferentemente, a execución de investimentos e, excepcionalmente, as operacións de tesourería para facer fronte a desfases transitorios ou necesidades urxentes.
Pódense acoller a esta iniciativa da Deputación de Pontevedra os concellos da provincia cunha poboación inferior a 50.000 habitantes, e que cumprisen os seguintes requisitos: ter aprobado o orzamento para o exercicio corrente ou, no caso de prórroga, cumprir co previsto na lexislación; non ter pendentes de pagamento cotas de amortización de préstamos contraídos coa Deputación; e cumprir cos previstos legais no relativo á concertación de operacións de crédito. A través destes préstamos, o importe máximo que se pode conceder é do 90% do custe do investimento, sen que supere os 400.000 euros.