Pontevedra | A Deputación de Pontevedra mobilizou nestes anos máis de 15,3 millóns de euros coas axudas do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) para desenvolver proxectos en 55 municipios da provincia.
Desta maneira, como asegurou a presidenta Carmela Silva, este organismo “revalida a aposta que levamos facendo dende hai sete anos por implementar liñas marcadas por Europa como a transición ecolóxica, a sustentabilidade, a eficiencia enerxética ou a mobilidade sostible”. Isto permite sumar recursos de Europa aos propios da Deputación, o que posibilita “unha grande transformación equitativa no conxunto da provincia de Pontevedra”.
Na primeira convocatoria deste Programa Operativo Sostible, recibiron financiamento proxectos de 43 municipios que mobilizan 4 millóns de euros e supoñen un aforro de enerxía do 52%, en liña co compromiso coa sostibilidade e co medio ambiente da Deputación, así como co aforro de custes para os concellos, sobre todo nun momento “no que a suba de prezos está dificultando moito a xestión municipal”.
Ademais, reducíronse en 1.878 toneladas de CO2 ao ano as emisións. En concreto, estes proxectos tiveron unha inversión de 3,3 millóns de euros para substituír 7.388 luminarias por outras LED, o que leva parello un aforro enerxético medio do 67%.
Ademais, en sete concellos actúase sobre 371 puntos de luz de bens de interese cultural (BIC) cunha inversión de 162.638 €, conseguindo un aforro enerxético medio do 74%. Por último, dentro desta primeira convocatoria, mobilizáronse 520.268 € para a substitución e instalación de caldeiras de biomasa en edificios públicos dos concellos da Guarda, Salvaterra de Miño, Mondariz, Portas e Caldas de Reis, reducindo de media á metade de o gasto de enerxía con respecto ao das entidades instalacións.
Por outra banda, na segunda convocatoria do Programa Operativo Sostible mobilízanse 7,3 millóns de euros para actuacións en 35 municipios e nunha entidade menor, cun aforro de enerxía do 52% e a redución de emisións en 2.930 toneladas de CO2 ao ano. En concreto, unha inversión de 401.559 € permitiu acometer a rehabilitación enerxética da escola de Vilasobroso, en Mondariz, con actuacións nas fachadas, a cuberta, o chan e as carpinterías exteriores e reducindo o gasto enerxético á metade.
Ademais, 5,58 millóns de euros están destinados a substituír 10.429 luminarias exteriores de 29 concellos da provincia por outras LED de mellor eficiencia enerxética. Neste caso, no conxunto dos municipios conséguese un aforro enerxético medio do 67%.
Por outra banda, nos concellos de Cangas, A Cañiza, Portas, Redondela, Tomiño e Vilaboa substituiranse caldeiras de gasóleo e radiadores eléctricos por nove caldeiras e 15 estufas de biomasa cun aforro enerxético do 72%. Por último, dentro deste programa 865.379 € van destinados a implantar sistemas máis sostibles de xestión da auga cun aforro enerxético medio do 28% na Cañiza, O Grove, Pontecesures, Meis, Nigrán, Ponteareas, Barro e Marín.
Ademais, en materia de infraestruturas mobilizáronse ata o momento 4 millóns de euros para actuacións en Ponte Caldelas, Poio, Redondela, Moaña, Meaño e O Rosal que permitirán “poñer aos peóns no centro das nosas prioridades cunha mobilidade segura e amable”.
Un novo impulso: consultaría e asistencia técnica
A Deputación de Pontevedra volverá ser pioneira en Galicia coa posta en marcha de novas iniciativas vinculadas aos proxectos europeos. Nos vindeiros meses xurdirá un gran número de oportunidades ao abeiro do Plan de Recuperación e doutros programas financiados con fondos europeos e, por elo, na Xunta de Goberno deste xoves aprobarase o expediente dun Acordo Marco para a contratación dun servizo de consultaría e asistencia técnica que permita potenciar, impulsar, coordinar e planificar a presentación de candidaturas e o seguimento de novos proxectos financiados por fondos europeos co fin de contar cos recursos necesarios para presentar proxectos, facer o seu seguimento e xustificar os recursos.
Estas asistencias permitirán á Deputación “ser máis áxiles, eficaces e presentar moitos máis proxectos”, como lembrou Carmela Silva, así como ter un compromiso e unha estrutura organizada, “con proxectos maduros e transformadores”.
Este acordo marco terá unha vixencia de catro anos e un orzamento de 3.080.280 euros e abrirase unha convocatoria pública á que poderán concorrer consultoras externas cunha alta especialización, que teñan profesionais adecuadamente cualificadas e cualificados con experiencia para elaboración e redacción de documentación técnica. O prazo de presentación vai ser de 30 días naturais dende que enviemos o anuncio de licitación a Oficina de Publicacións da Unión Europea.
A convocatoria divídese en cinco lotes para cubrir as transformacións que van financiar os fondos Next Generation: medio natural, cambio climático, eficiencia enerxética e de enerxías renovables (983.421 €); enxeñería civil e arquitectura (1.151.400 €); novas tecnoloxías (270.066 €); proxectos sociais, de benestar e saúde (333.165 €), emprego, desenvolvemento local e función pública (342.228). Un requisitos fundamental para que as consultoras poidan concorrer é cumprir coas obrigas en materia medioambiental, social e laboral.
No eido da asistencia técnica, a presidenta avanzou a liña extraordinaria de subvencións dotada con 201.000 euros para que os concellos de menos de 50.000 habitantes poidan contratar asesorías técnicas e consultoras para desenvolver os proxectos do PIREP local, posto en marcha polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
Esta convocatoria permite desenvolver proxectos de rehabilitación de edificios públicos de ata tres millóns de euros.
Acelera pyme Rural en Cambados e Tui
Por último, Europa volveu validar o modelo de asesoramento TIC a pemes e persoas autónomas da Deputación de Pontevedra coa posta en marcha de dúas oficinas Acelera pyme Rural que se situarán en Cambados e Tui para realizar actuacións de transformación dixital nas pequenas e medianas empresas en municipios de menos de 20.000 habitantes. Dentro dos fondos Next Generation, este proxecto terá unha duración de 24 meses e unha financiación de 512.500 €, dos que Red.es subvenciona o 80% (410.000 €) e a Deputación achega o outro 20% (102.500 €).
A Deputación recibiu unha moi boa puntuación por parte de Red.es grazas á experiencia que ten acadado desde 2016 con Smartpeme, o que fai que a provincia teña unha rede de transformación dixital que abrangue en todas as comarcas da provincia.
Desta maneira, estas dúas oficinas permitirán reforzar a zona do Salnés, así como permitir ao Baixo Miño ter unha oficina que traballe nas TIC con pemes e persoas autónomas.