Deputación de Pontevedra | Ao abeiro do Día das Escritoras, a Deputación de Pontevedra rendeu esta tarde homenaxe e tributo, “case un desagravio”, ás grandes mulleres da literatura que ao longo da historia, e a pesar de ser esquecidas nas antoloxías literarias, contribuíron coa súas obras á loita pola igualdade. Escritoras, mestras, xornalistas e mulleres e homes do mundo da cultura prestaron as súas voces para que fragmentos de obras inesquecibles de creadoras como Rosalía de Castro, Pardo Bazán, Carmen Baroja, Elena Fortún, Concha Méndez, Teresa de Jesús, Mercé Rodoreda, Josefina Carabias, Gloria Fuertes, Ana María Matute o Circe Maia, entre outras, soaran con forza na sede da Deputación en Vigo. Nun escenario coidado coas medidas de seguridade anti COVID-19, ambientado con luz violeta e adornado con camelias na sala Rosalía de Castro, a vintena de representantes das distintas disciplinas culturais protagonizaron esta lectura colectiva, que foi tamén retransmitida por streaming.
A presidenta provincial, Carmela Silva, que leu un fragmento de La Hija del Mar de Rosalía de Castro, aproveitou a ocasión para facer fincapé no papel que están a desenvolver as mulleres na cultura e na escrita: “estades a ser protagonistas dun movemento cultural potentísimo en Galicia que ten nome de muller”. Neste eido, a presidenta resaltou que “esta sede acolle hoxe a mulleres que representan o mellor da literatura, con mulleres de hoxe, de onte, de mañá, que son voz clara e das que desde a Deputación nos sentimos orgullosísimas”. Tamén quixo recordar que ao longo da historia as mulleres “fomos silenciadas, esquecidas, enterradas, negadas, pero somos unha forza potentísima disposta a ocupar todos os espazos, a metade de todo, porque a metade de todo é noso”. Por iso, e pese a pandemia, Silva destacou que debemos “celebrar como se merece o Día das Escritoras” e amosou a vontade de “montar unha para o ano que vén que vai valer por mil”.
Xunto a Carmela Silva, interveu a editora e socia de Clásicas e Modernas, Teresa Zataraín, que destacou que as escritoras “simbolizan, ademais do noso acceso pleno á cultura, un camiño que foi lento, laborioso e cheo de obstáculos”. Neste senso, apuntou que o seu legado “permaneceu en moitos casos deliberadamente oculto” e resaltou a labor realizada por estudosas para “recuperar esas voces precedentes e reconstruír a nosa valiosa xenealoxía literaria”. “Aínda queda moito por facer en materia de divulgación, pero a difusión é importante e esta xornada contribúe a romper esa brecha de silencio en torno ás nosas escritoras e lles brinda un recoñecemento xusto e necesario”, asegurou.