A lectura dos textos desenvolveuse atendendo ao ano de nacemento das escritoras homenaxeadas, cuxas imaxes foron sucedéndose nunha pantalla. Deste xeito, a autora Isabel Blanco foi a encargada de iniciar o acto coa recitación dun poema de Teresa de Jesús, e as intervencións continuaron nun primeiro bloque con Ledicia Costas que leu a Sor Juana Inés de la Cruz; a presidenta Carmela Silva, que deu voz a Rosalía de Castro; Silvia Penas, cun texto de Emilia Pardo Bazán; o director do MARCO, Miguel Fernández-Cid, que leu a Carmen Baroja y Ness; a deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, coa lectura dun fragmento da obra de Elena Fortún; a escritora María Lado cun texto de Concha Méndez; a autora An Alfaya, que leu a Errose Bustintza; María Xosé Queizán, que puxo voz á obra de Victoria Durán e Inma López Silva, que recitou un poema de Dulce María Loynaz.
Na segunda quenda interviñeron Teresa Zataraín, coa lectura dun texto de Luisa Carnés; Esteban Valverde, director do Conservatorio Superior de Música de Vigo, que leu a Josefina Carabias; a xornalista Sandra Penelas, que puxo voz á obra de Mercé Rodoreda; a escritora Mar Nieto, que leu a Gloria Fuertes; a xornalista Ana Fuentes, que recitou un poema de Pura Vázquez; a autora Lara DoPazo, cun poema de Idea Vilariño; a profesora María Jesús Pérez, cun texto de Ida Vitale; a profesional das artes escénicas María Costa, que leu a Ana María Matute; a doutora en Filosofía Raquel Vázquez, que recitou a Blanca Varela e, por último, o libreiro Xurxo Patiño, que deu voz a Circe Maia.
A actividade do Día das Escritoras enmarcouse na Alianza Local pola Axenda 2030 que impulsa a Deputación, e os 17 Días Mundiais relacionados co cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible neste mes de outubro. Esta celebración toma como referencia o gran acto do Día das Escritoras da Biblioteca Nacional en colaboración con (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas e Modernas.