Arcos de Valdevez | O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou na localidade portuguesa de Arcos de Valdevez na sinatura dunha declaración conxunta, apoiada por 22 entidades locais e supramunicipais (catorce da provincia ourensá e oito do norte luso), para a constitución da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) na Raia Seca e a Reserva Mundial da Biosfera Gerês-Xurés.
Un instrumento de colaboración transfronteiriza “no que a Deputación de Ourense porá o mellor de seu: disposición para traballar en común e capacidade de interrelación a calquera nivel con outras institucións, coa vontade de que este sexa un dos mellores exemplos de cooperación territorial en Europa”, afirmou o presidente do goberno provincial.
O acto de sinatura do documento desenvolveuse na Cámara municipal de Arcos de Valdevez, onde o seu presidente, João Manuel Esteves, exerceu como anfitrión acompañado por Manoel Batista, presidente da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, e o propio Manuel Baltar, así como tamén coa presenza dos representantes das entidades asinantes. Na clausura do acto interviñeron a secretaria de Estado de Desenvolvimento Regional, Isabel Ferreira, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo.
Baltar destacou a palabra cooperación como a base dun proxecto común no que a Deputación de Ourense vai achegar “a relevancia que ten tanto en foros nacionais como internacionais”.
Unha capacidade de traballo en rede que tamén beneficiará a Portugal, pois desde a presidencia de Partenalia, a asociación europea de gobernos provinciais, “vimos de modificar hai pouco os estatutos para que as comunidades intermunicipais portuguesas poidan adherirse a esta entidade, tendo non só protagonismo no novo período financeiro plurianual 2021-2027, senón tamén nos que veñan”.
Novas oportunidades no termalismo
Manuel Baltar tamén referiuse a súa condición de presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHHTA) e do Foro Termal do Eixo Atlántico para destacar as oportunidades que se abren a esta agrupación “á hora de potenciar un recurso característico da provincia de Ourense e do norte de Portugal como que é o termalismo, vinculado directamente ao turismo”.
Precisamente sobre este último aspecto avanzou un acordo de colaboración entre a Deputación, o campus de Ourense e o goberno portugués “para que o turismo transfronteirizo teña tamén un papel máis que relevante”.
A declaración conxunta asinada, engadiu Manuel Baltar, “só persegue mellorar as condicións de vida da veciñanza, con obxectivos claros como as infraestruturas”, citando como exemplos a conexión con Portugal a través da prolongación da autovía AG-31 desde Celanova, “que grazas a esta agrupación tera moitas máis probabilidades de ser unha realidade”, ou a cobertura dixital “como o gran reto do século XXI que asomou toda a súa capacidade durante a pandemia”.
Concluíu Baltar sinalando que “este é un día especial e histórico para Ourense, a provincia española con maior número de quilómetros de fronteira con Portugal -219-, e a futura sede por acordo unánime das Cortes Xerais da Casa da Lusofonía de España, que ademais de cuestións culturais, lingüísticas e históricas tamén suporá unha oportunidade de negocio para todos os países que no ano 2050 reunirán unha poboación de 300 millóns de persoas falando linguas irmás”.
Frutífera historia de colaboración
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) na Raia Seca e a Reserva da Biosfera Gerês-Xurés estará liderada pola Deputación na parte ourensá, acompañada polos concellos de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobios, Lobeira, Baltar, Padrenda, Verea, Quintela do Leirado, Muíños, Cualedro, Oímbra e Monterrei. Portugal estará representada polos municipios de Montalegre, Terras de Bouro, Ponte da Barca, Arcos de Valdevez e Melgaço, así como as comunidades intermunicipais do Alto Minho, Cávado e Alto Tâmega.
O futuro organismo permitirá deseñar proxectos conxuntos que poidan optar a programas europeos de cooperación territorial, no marco dos obxectivos da estratexia 2030 da Unión Europea e, nomeadamente, dos referidos aos plans de investimento conxunto e da Estratexia de Especialización Inteligente da Eurorrexión Galicia-norte de Portugal.
A declaración conxunta define ás áreas da Raia Seca e a Reserva da Biosfera Gerês-Xurés como “un territorio continuo cunha longa e frutífera historia de colaboración”, destacando o traballo realizado no ámbito socioeconómico e na mellora da calidade de vida da poboación, aspectos aos que engade “o elevado potencial dos recursos naturais e culturais”. Esta dinámica de traballo conxunto, engade o documento, contribuíu decisivamente a que neste momento estean en estudo diversas propostas para a promoción dese patrimonio natural e cultural, así como tamén para a internacionalización e o desenvolvemento sustentable deste espazo común, ademais da transformación destas áreas en lugares atractivos para vivir, traballar, investir ou visitar.