Lugo | José Tomé Roca, presidente da Deputación de Lugo, acompañado do director de La Vuelta, Javier Guillén, mantivo un encontro organizado pola institución provincial cos alcaldes e representantes municipais dos 12 concellos lucenses polos que discorrerá o día 3 de setembro a etapa 19ª da cita deportiva co obxectivo de informalos da colaboración económica por importe de 60.000€ que fai a entidade e do impacto en termos económicos e de promoción que terá para a provincia.
Á reunión, celebrada no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, asistiron os deputados de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera. Por parte dos concellos, participaron o Alcalde de Bóveda, José Manuel Arias López; o Alcalde de Castroverde, Xosé María Arias; o Alcalde da Fonsagrada, Carlos López López; o Alcalde do Incio, Héctor Manuel Corujo González; o Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro López; o Alcalde do Páramo, José Luis López López; o tenente de Alcalde de Baleira, Miguel Angel Fernández González; o Concelleiro de Xuventude e Deportes de Lugo, Mauricio Repetto Morbán; a tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada Rodríguez; e o Concelleiro de Deportes de Sarria, Félix Seijas Fernández.
Tomé subliñou que o obxectivo que motivou á Deputación para colaborar coa organización de La Vuelta para o seu paso pola provincia foi colaborar cos concellos “para sacar adiante todo tipo de iniciativas que favorezan o seu progreso social e económico”, neste caso, coa promoción do territorio a través do turismo.
“Tomé subliñou que o obxectivo que motivou á Deputación para colaborar coa organización de La Vuelta para o seu paso pola provincia foi colaborar cos concellos ‘para sacar adiante todo tipo de iniciativas que favorezan o seu progreso social e económico”
Apostar por La Vuelta a España, destacou José Tomé, “supón un investimento en proxección internacional e en promoción turística dun valor, literalmente incalculable. Situada na elite do ciclismo mundial, co Giro de Italia e o Tour de Francia como compañeiras, esta cita é seguida por un público de máis de 400 millóns de persoas nuns 190 países. Os 60.000 euros que aporta a Deputación xeran así un grao de exposición mundial imposible de alcanzar doutro modo”.
“Para unha provincia como Lugo, que acolle catro rutas diferentes do Camiño de Santiago; que conta con tres Reservas da Biosfera e con seis Patrimonios da Humanidade, aos que aspira incorporarse a Ribeira Sacra; e que entrou na Ruta Transrománica do Consello de Europa; estar presente nun acontecemento como La Vuelta resulta fundamental”, asegurou o Presidente, quen afirmou que estar presente nesta proba “é unha das mellores formas de levar ó plano internacional a nosa oferta turística, e a nosa aposta por un modelo de turismo de calidade, non masificado, sostible, de experiencias, e respectuoso co medio ambiente, tal e como demanda a sociedade neste escenario de saída da pandemia”.
“Para unha provincia como Lugo, que acolle catro rutas diferentes do Camiño de Santiago; que conta con tres Reservas da Biosfera e con seis Patrimonios da Humanidade, aos que aspira incorporarse a Ribeira Sacra; e que entrou na Ruta Transrománica do Consello de Europa; estar presente nun acontecemento como La Vuelta resulta fundamental”
Ademais do retorno que xera a medio prazo, en termos de turismo, José Tomé lembrou que a organización dunha proba complexa como esta, mobiliza a unhas 3.000 persoas, “o que contribúe, de xeito directo, a reactivar a actividade en sectores tan castigados pola crise como a hostalería, o turismo ou o comercio local”.
La Vuelta en datos
La Vuelta Ciclista a España é seguida anualmente en 190 países, que chegan a unha audiencia real de 400 millóns de espectadores. A meirande parte dos seguidores están localizados en países de centroeuropa como Francia, Bélxica, Italia ou Noruega, entre outros, pero tamén están presentes en todo o arco americano, cunha grande audiencia en Colombia, e en Asia, con presencia en países como Xapón.
Características da etapa 19ª
A etapa de La Vuelta que recorre a provincia ten un percorrido de 187,8 quilómetros, 139 deles na provincia de Lugo, e está considerada de media montaña. Está previsto que sexa unha xornada chave ao ser unha das últimas etapas e tratarse dunha zona con grandes subidas e baixadas que permitirán crear claras oportunidades de fuga entre algúns ciclistas, a altura máxima que alcanzarán nesta xornada os ciclistas será de 927 metros.
Dous días despois desta cita, o 5 de setembro, chega o final da competición en Santiago de Compostela cunha contra reloxo individual.
O presidente anunciou que está en contacto coa organización de La Vuelta para que a provincia de Lugo acolla tamén nun futuro o paso da proba feminina desta competición.