Pontevedra | Converter a Pontevedra na provincia do deporte e no escenario ideal para acoller grandes eventos deportivos será a máxima do goberno provincial de Luis López no 2024.
Deste xeito, a Deputación de Pontevedra destinará o vindeiro ano máis de 9,5 millóns de euros ao impulso do deporte na provincia, un incremento de máis do 20% respecto ao 2023. Destes recursos, 5,5 millóns de euros irán destinados a partidas específicas para o fomento do deporte e outros 4 millóns de euros ao plan extraordinario de infraestruturas deportivas do que se beneficiarán os concellos da provincia.
Para poder avanzar na conversión da provincia de Pontevedra como escenario de grandes eventos deportivos, o goberno de Luis López destinará no 2024 máis de 1,2 millóns de euros o que supón duplicar os 640.000 aprobados para o mesmo cometido neste 2023.
Do total deste montante, é significativo o incremento das partidas de patrocinios deportivos e da liña de subvencións dirixida aos clubs deportivos para o impulso de actividades nesta materia, que aumentan un 67%. Así, os patrocinios pasan dos 300.000 deste 2023 aos 500.000 que sumarán o vindeiro ano e a liña de subvencións para actividades deportivas medrará tamén dos 300.000 deste ano aos 500.000 do próximo.
Ademais, multiplícase case por cinco o financiamento de actividades deportivas e xuvenís no 2024, pasando dos 30.000 do 2023 aos 145.000 que se van destinar no 2024.
Impulso dos clubs deportivos
A Deputación de Pontevedra continuará a impulsar os clubs de elite da provincia e o deporte de competición federado e preferente con axudas que ascenden a máis de 1,3 millóns de euros. Deste xeito, os clubs de elite provinciais recibirán no 2024 725.000 euros e, pola súa banda, o deporte de competición federado e preferente 650.000 euros, un 4% máis que este ano.
Impulso dos deportistas
O impulso do deporte do goberno de Luis López verase tamén reflectido no aumento das partidas destinadas aos deportistas de alto nivel e olímpicos, que sumarán 400.000 euros no 2024 o que supón un 14% máis que no período anterior.
Así, as bolsas para deportistas de elite ascenderán no 2024 a 275.000 euros, un 10% máis que o que percibiron os mesmos deportistas no 2023 (250.000€) e as axudas para os olímpicos de París 2024 sumarán 125.000 euros, é dicir, un 25% máis que o consignado para as Olimpíadas celebradas no 2021 en Tokio (100.000 €).
O deporte de base será outro dos eixos de traballo no ámbito deportivo. Neste eido investiranse máis de 300.000 euros nas escolas deportivas nas que cada ano participan milleiros de nenos de toda a provincia. O orzamento total da Deputación de Pontevedra para o 2024 será o máis alto da súa historia, con máis de 189 M€ para avanzar no municipalismo e na transformación da provincia. Aumenta, con respecto ao 2023 un 4,2%, o que supón máis de 7,6 millóns de euros respecto a 2023, unha suba de 30 millóns comparado co ano 2019 e de 35 millóns respecto ao 2016, anos de inicio de mandato do goberno anterior.
Enoturismo no Castelo de Soutomaior
A Deputación de Pontevedra sumarase este domingo 12 de novembro xunto á Ruta do Viño Rías Baixas ás celebracións do Día Mundial do Enoturismo coa novena edición da Cata Amateur no Castelo de Soutomaior, aberta ao público e para a que xa están á venda as entradas na web do castelo (www.castelodesoutomaior.com). A institución provincial programa este evento, que se desenvolverá de 11:00 a 14:00 horas e contará coa presenza do presidente Luis López, co obxectivo de promocionar os viños e o produto turístico relacionado co sector vitivinícola na provincia.
Na cata, que estará amenizada con música en directo de Dani Barreiro & Friends e será conducida polo prestixioso sumiller Nacho Costoya, daranse a coñecer cinco viños da D. O. Rías Baixas, harmonizados con conservas galegas. A degustación terá lugar entre as 11:00 e as 14:00 euros e as persoas asistentes poderán visitar libremente o castelo a partir das 13:00 horas. Hai un total de cen prazas para o evento, que contará ademais cun concurso dirixido ao público asistente, que deberá acertar a combinación de viños na fase de cata a cegas. As entradas custan 8 euros e pódense adquirir ata un máximo de 9 por persoa.
O Día Mundial do Enoturismo está promovido pola Rede Europea de Cidades do Viño (RECEVIN), co obxectivo de potenciar o turismo relacionado co viño e a promoción das zonas vinícolas como vertebradoras de territorios rurais e xeradores de riqueza económica, cultural e patrimonial. Celébrase todos os anos o segundo domingo de novembro e durante esta xornada teñen lugar diferentes actividades festivas e culturais en toda Europa.