Pontevedra | A deputada de Turismo Nava Castro comezou a súa participación na feira WTM de Londres, onde está a divulgar a oferta turística da provincia de Pontevedra.
“Queremos seguir dando pasos na nosa estratexia para compartir con todo o mundo que Pontevedra é desfrutar e por iso a nosa participación en Londres é decisiva, sobre todo tendo en conta as múltiples conexións aéreas directas entre a cidade británica e Galicia”, asegurou a deputada. Durante a primeira xornada da feira, Castro mantivo xuntanzas co ministro de Turismo, Héctor Gómez, co director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles e co presidente do Clúster de Turismo de Galicia, César Pardal.
Ao longo dos tres días da feira, a delegación pontevedresa ten previsto desenvolver diferentes actividades de divulgación e promoción turística, entre as que se atopan o peche de procesos de venda coa canle de distribución presente no evento e a realización de contactos comerciais con clientes actuais e potenciais, explotando verticalmente a canle de distribución e venda cruzada.
Tamén se presentarán as novidades e as estratexias do destino, así como se potenciará a imaxe de marca para facilitar futuros acordos, desenvolver novos mercados e posicionar o destino Rías Baixas a nivel internacional.