A Coruña/PSdeG | A deputada Noa Díaz presenta este martes 28 a súa precandidatura á Secretaría Xeral Provincial da Coruña. A decisión tómaa -di- alentada por moitos compañeiros e compañeiras da provincia que desexan un proxecto propositivo “e co que toda a militancia se poida identificar”.
“O proxecto que encabezo pretende darlle un pulo á participación da militancia, poñendo o foco nas agrupacións máis pequenas, que son as que teñen maiores dificultades, á vez que fortalecer a estrutura comarcal do partido e as relacións que se deben manter entre a militancia e as institucións nas que estamos presentes para así darlles voz”, manifesta nunha carta de presentación dirixida á militancia.
“Co noso proxecto colectivo buscamos establecer cauces maiores de participación para que cada militante, dende as Casas do Pobo, conecte coa sociedade para trasladar a esencia mesma do PSdeG: socialismo, galeguismo e feminismo”, afirma.
E engade: “é hora de que as mulleres deamos un paso decidido á fronte do PSdeG e incorporemos a nosa visión á maneira de facer política. A procura da igualdade real é unha das nosas sinais de identidade, e para iso debemos encabezar proxectos coma esta candidatura, na que estou acompañada de compañeiras e compañeiros que tamen o entenden así”.
Díaz asegura que a candidatura que presenta nace con “vontade de sumar ideas e achegas en positivo para incorporalas ao proxecto colectivo que é o PSdeG, configurado como ferramenta coa que dar solución aos numerosos problemas aos que se enfrenta Galicia”.
Remata a carta solicitando un apoio masivo na sinatura de avais, sen os que non podería formalizar a súa candidatura definitiva. “O primeiro paso é acadar o apoio dun 12% de compañeiros e compañeiras para así poder participar nese ilusionante proceso de democracia interna que son as primarias”, afirma.