Santiago de Compostela/PSdeG | A deputada no Congreso Uxía Tizón incorpórase como nova secretaria de Activismo e Movementos Sociais á executiva do PSdeG a proposta do secretario xeral, Gonzalo Caballero.
“A dirección socialista propón á deputada para cubrir esta secretaría durante o tempo que queda deste mandato”
Uxía Tizón é avogada e voceira adxunta da Comisión de Política Territorial e Función Pública do Congreso dos Deputados. A dirección socialista propón á deputada para cubrir esta secretaría durante o tempo que queda deste mandato, que concluirá a finais de ano coa celebración do congreso nacional do PSdeG.
Ante a súa entrada na dirección do PSdeG, a deputada ourensá Uxía Tizón amosou a súa “disposición para traballar polo partido con dedicación” e “para seguir impulsando o proxecto socialista” a carón do secretario xeral, Gonzalo Caballero.
Caballero pide “solidariedade” cos refuxiados afgás
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte, José Tomé, para abordar ás infraestruturas que necesita a provincia e requirir o compromiso da Xunta.
Dende Monforte, o máximo dirixente das e dos socialistas galegos pediu ao goberno galego “que se poña inmediatamente a disposición do goberno de España para acoller a persoas refuxiadas de Afganistán”, como xa están facendo outras comunidades.
“É o momento da solidariedade e de dar protección ás persoas fronte a un réxime cruel de terror e violencia”
“É o momento da solidariedade e de dar protección ás persoas fronte a un réxime cruel de terror e violencia”, sentenciou logo de incidir en que Galicia “ten que ser unha comunidade acolledora”.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero avanzou que o PSdeG levará unha batería de iniciativas ao Parlamento para pedir a “cooperación” de Galicia, xa que “estamos preocupados e horrorizados polo que está ocorrendo en Afganistán” e “pola violencia que se está establecendo” e que pode seguir á alza.
Ponencia marco do PSdeG
En paralelo, coa vista posta na ponencia marco de cara ao congreso do PSdeG, o secretario xeral sinalou que o documento abordará “o que lles preocupa aos galegos e ás galegas”. Por iso, afondou, “queremos escoitar todas propostas que veñan de Lugo” con respecto á reactivación e aos “retos” da provincia en materia de servizos públicos, infraestruturas ou desenvolvemento industrial. “Porque Lugo importa”, sentenciou.
Nesta liña, avanzou que o partido contará con José Tomé para a elaboración deste documento, xa que “queremos deseñar a Galicia do futuro contando cos que mellor coñecen a Galicia do presente” e farémolo “a carón tamén dos alcaldes e alcaldesas de referencia de Galicia” como o presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte, “un gran coñecedor da provincia e un home comprometido que ten visión estratéxica”.
“É o momento de plantexar unha axenda de reactivación que conte con Lugo”, subliñou o dirixente socialista, para incidir en que o PSdeG quere “un proxecto para a Galicia da década dos 20 que poña en riba da mesa as prioridades en ámbitos tan importantes como as infraestruturas”.
Neste senso, Gonzalo Caballero subliñou o importante investimento do executivo central coas infraestruturas logo da inxección de 546 millóns de euros para mellorar as liñas de tren na provincia. Así, lembrou que “durante tantos anos de gobernos do PP, as conexións ferroviarias con Lugo estaban metidas nun caixón”.
“Gonzalo Caballero subliñou o importante investimento do executivo central coas infraestruturas logo da inxección de 546 millóns de euros para mellorar as liñas de tren na provincia de Lugo”
“Tivo que ser un goberno progresista en España o que, cun paquete de 546 millóns de euros, resolva a conexión ferroviaria de Lugo coa alta velocidade a través da conexión e electrificación das vías Monforte-Lugo-Ourense”, subliñou.
Fronte a isto, Gonzalo Caballero lamentou a falla de compromiso do goberno galego coa provincia e instou á Xunta a “colaborar” coa provincia executando o desdobramento do corredor Nadela-Monforte, a Ronda Leste en Lugo ou a variante de Viveiro. “A Xunta ten que cumprir”, remachou.
José Tomé
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte, José Tomé, subliñou que, durante a xuntanza co secretario xeral do PSdeG, abordaron cuestións como a vertebración territorial ou “as infraestruturas de cara ao futuro que precisamos na provincia de Lugo”.
Ao fío disto, José Tomé reivindicou a “fortísima inversión” do goberno de España na provincia, especialmente en infraestruturas como o ferrocarril.
Así, o rexedor monfortino e presidente da Deputación lucense puxo en valor un investimento “histórico” por parte do executivo central que “fará posible que chegue o AVE á capital lucense e tamén á capital da Ribeira Sacra”.