“Fodemos” naceu como sucursal galega do partido político español “Jodemos”. O ideólogo do partido, Juan Carlos Billetera, dixo con moi bo criterio: “Hai xente que pasa tanta fame que se o chamamos “Jodemos” enchemos as urnas de votos. E así foi, en parte. Ao principio todo era un fervedoiro de ideas. Comezaron convencendo ao profesor Vieiras de que se aliase a eles, co seguinte criterio: “Ti dille a todo que si, que logo nós xa faremos o que nos pete”. Ao principio era unha lúa de mel. España era un Estado plurinacional, unha nación de nacións. A patria eras ti… Porén a maioría do pobo catalán -enrevesado como ningún- chegou á seguinte conclusión: como parece que estamos en democracia, imos exercer os nosos dereitos… E entón foi cando a dereita española, coas súas tres forzas políticas (franquista, ultraliberal e nacionalsocialista), se puxo seria… E en “Jodemos” tamén dixeron: “daslles a man e cóllenche o brazo. Isto non pode ser” Entón chamaron a “Fodemos”, a sucursal galega, e dixeron: “mirade, vós sodes libres de ficar ou de marchar, pero aquí quen manda somos nós e, en concreto, o noso secretario xeral Pablo Catedrales. Algunha xente colleu medo e díxose na asemblea local: “mirade, o nome de “Fodemos” non o entende todo o mundo, se vén unha persoa de Albacete non entende o que significa. Como sinal de boa vontade e de galeguismo integrador, é mellor poñer “Jodemos” e, para que quede claro que somos a sección galega, poñemos “Galicia” e así cambiaron o nome polo de “Jodemos-Galicia”. E de cuestionar a Constitución, pasaron a defendela; desde unha óptica de esquerdas e republicana, claro está. Chegaron as eleccións e, como había cartos, encheron o país de cartaces co lema: “A alternativa somos nós. Jodemos-Galicia”