Achegámonos pasiño a pasiño a unha pancarta das grandes totalmente esnaquizada, ollamos cara adiante e vemos un hórreo desvestido das madeiras que o conforman e un pouco máis alá vemos un cartel que nos alegra a vista, informándonos do parque natural do Xurés.
É o momento de mirar máis adiante, de chegarmos a sentir por fin a sensación da natureza primixenia que esperamos… E que vemos? Miúdo espectáculo de devastación! Un val totalmente seco, coma un corte de coitelo, propiciado polo baleirado do encoro de Lindoso. Pedras cubertas de lama son o que queda do val, antes cheo de vida; máis abaixo, casas arruinadas polo asolagamento da auga, que conformaban a antiga aldea de Aceredo.
Estamos no punto cero da traxedia que supuxo a construción, nos inicios da democracia, do encoro de Lindoso e que expulsou dos seus fogares á poboación galega; as promesas de prosperidade na rexión quedaron en nada, encher o encoro de auga propiciou o baleirado da poboación local, pechar as comportas foi abrir a porta da emigración; o resultado e a prosperidade foron magros para os galegos/as, perdéronse as terras e as leiras vestidas con vides, agarimosamente coidadas pola, ano tras ano, man dos paisanos.
“Estamos no punto cero da traxedia que supuxo a construción, nos inicios da democracia, do encoro de Lindoso”
E agora, transcorridos todos estes anos, onde queda o beneficio das eléctricas? Onde quedan as melloras económicas? Para o pobo galego en ningures, o quilowatio hora máis caro que nunca, as compensacións económicas inexistentes e a natureza do país fendida para sempre!