O acontecer político global veuse subitamente sacudido nos últimos tempos por tres feitos violentos: o asasinato en xullo pasado do ex primeiro ministro xaponés Shinzo Abe; o posterior asasinato en agosto de Daria Dugina, filla de Aleksndar Dugin, teórico do eurasianismo presuntamente “asesor” do presidente Vladimir Putin; e finalmente este mes de setembro co intento de asasinato da vicepresidenta (e ex presidenta) arxentina Cristina Fernández de Kirchner.
E se de violencia falamos, aí temos a interminable guerra ucraína que xa leva seis meses e anuncia armamento para rato, vía OTAN e Rusia. A isto debe engadirse as tensións de tinte prebélico entre Taiwán, China e EE.UU, de carácter étnico en Cósova e de delimitacións marítimas no Mar Exeo entre Turquía e Grecia, que ameazan con ‘incendiar’ a contorna balcánica e mediterránea europea.
O panorama é preocupante cando tamén vemos cómo no primeiro debate electoral en Brasil entre o actual mandatario Jair Bolsonaro e o favorito ex presidente Lula da Silva, en vez de confrontar ideas para dirixir un dos países emerxentes a nivel global, o asunto case termina como se estiveran nun ring de boxeo.
“O panorama é preocupante”
E se falamos de expectativas de radicalización e polarización política, o vindeiro 26 de setembro, Italia irá a eleccións xerais onde se asoma o novo rostro da extrema dereita europea, Giorgia Meloni, agora claramente apoiada pola dereita continental nunha UE orfa de verdadeiros liderados capacitados para reconducir o proxecto europeísta.
Pero volvamos aos tres casos anteriormente mencionados e os sinuosos intereses políticos detrás destes atentados. O autor do asasinato de Abe, un ex militar con vínculos cunha organización relixiosa, sacode ao país onde o asasinato político non é común e menos nun contexto electoral. Por tanto, a eliminación de Abe, quen durante o seu mandato (2012-2020) definiuse como un “falcón” intransixente cara China e Rusia, supón ó mesmo tempo un máis que probable evento que traducirá a reconfiguración do equilibrio xeopolítico de poderes en Asia Oriental.
Aínda que o Kremlin apuntou directamente a Ucraína no asasinato de Dugina, o misterio segue instalado sobre o que realmente ocorreu en pleno corazón do poder ruso, a capital Moscova. Retorno do terrorismo? Que intereses políticos ocultos existen? Foi un asasinato dirixido dende o exterior enmarcado nunha loita de poderes interna? Dificilmente teremos a certeza do que realmente ocorreu, tomando en conta o cruce incesante de desinformación sobre este suceso.
Finalmente, no caso do intento de asasinato de Cristina Fernández de Kirchner, o seu perpetrador tiña antecedentes por tenencia ilícita de armas e manifestaba simpatías “nazis” a tenor dos seus tatuaxes e indumentaria, similares aos que levan os membros do extremista Batallón Azov en Ucraína. Non hai que esquecer que a actual vicepresidenta arxentina está sendo investigada xudicialmente, aspecto que está recrudecendo a polarización política nese país.
E aquí, en España, en 2020 xa se viviu un incidente de eventual violencia política contra membros do goberno de coalición. Un aspecto non menos relevante tomando en conta que a polarización política cobra corpo na política ibérica.
No seu primeiro Consello de Ministros tralas vacacións estivais, o presidente francés Emmanuel Macron falou do “fin da era da abundancia”, con referencia aos desafíos económicos derivados da crise enerxética e as tensións ruso-occidentais.
“Pode que, vendo o panorama global, non sexa unicamente a ‘abundancia’ o que comece a escasear senón tamén a cordura política”
Pode que, vendo o panorama global, non sexa unicamente a “abundancia” o que comece a escasear senón tamén a cordura política, coas súas perigosas repercusións para democracia hoxe tan cuestionada.